Menu Xerais

Arquivo mensual: Abril 2008

Novidades para o público pequeno

A Nosa Terra destaca nunha información ás máis recentes novidades infantís da editorial. A eses títulos hai que engadir dous novos merliños, álbums en rústica para os primeiros lectores: Bea de Iván Sende e Bertiño Rompetodo de Ramón Caride e Chus Ferrín. Bea, aínda que hoxe xa é maior, hai trinta anos tamén era unha nena.

Presentación de “Alimentación saudable”

O venres, 9 de maio, ás 20,00 horas, na Casa do Libro de Vigo presentarase Alimentación saudable de Xulio Astor e Montserrat Astor. No acto participarán Mª José Pérez Mariño (Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Manuel Bragado e os autores.

Presentación de “Limpeza de sangue”

O día 8 de maio, xoves, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Lugo presentarase Limpeza de sangue, a obra pola que Rubén Ruibal mereceu o Premio Nacional de Literatura Dramática. No acto participarán o autor, acompañado por Xaime Pena e Manuel Bragado. Limpeza de sangue (o sangue fai ruído) de Rubén Ruibal foi a obra gañadora do XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais do ano 2005.

Fernández Paz e Justo Beramendi, Premios AELG 2007

No seo da Cea das Letras, celebrada onte en Santiago, Agustín Fernández Paz e Justo Beramendi recibiron os Premios AELG 2007 correspondentes ás categorías de Libro infanto-xuvenil e Ensaio, respectivamente. Os premios foron concedidos tras as votacións realizadas por 367 membros da AELG e, no caso do premio infanto-xuvenil, tamén polos de GALIX.

“As mellores intencións”

Outro libro que acaba de chegar ao almacén é As mellores intencións, a primeira novela de Begoña Paz, gañadora do Premio de Narrativa breve centenario do Concello de Riveira. Nas librarías na primeira semana de maio. As vidas de Gabriel e Lis encóntranse en Aldara, a cativa a quen el quere salvar, a quen ela só sabe odiar.

“A represión lingüística en Galicia”

Inmersos nun profundo debate sobre o futuro da lingua, acaba de chegarnos ao almacén A represión lingüística en Galiza no século XX (Aproximación cualitativa á situación sociolingüística de Galiza), o voluminoso libro (case 900 páxinas) profesora pontevedresa María Pilar Freitas Juvino. Cremos que estamos diante dunha contribución decisiva e moi clarificadora para abordar este debate fulcral para a sociedade galega.

Nova entrevista a Xosé Lois Ripalda

Xosé Lois Ripalda, autor d’ A cultura do pan, é entrevistado no Faro da Cultura.

“Incertos”, primeira crítica

Incertos, o primeiro libro de relatos de Antón Dobao, conta dende hoxe coa súa primeira crítica. Dolores Martínez Torres publica en Faro da Cultura un interesante traballo que debulla cada un destes contos sobre a identidade e a aparencia.

“A lúa dos Everglades”, crítica interesante

Xosé Manuel Eyré publica unha interesante crítica d’ A lúa dos Everglades a novela de Xesús Manuel Marcos, gañadora do premio de narrativa Terra de Melide 2007. Transcribimos un dos parágrafos do texto. “A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos obtivo o galardón do sétimo certame melidense. Trátase dunha boa novela, do melloriño que a narrativa galega do ano pasado nos deixou.

Presentación de dúas obras de Varela Buxán

O vindeiro sábado, 26 de abril, ás 20:00 horas, presentaremos no Teatro Principal da Estrada Se o sei… non volvo á casa e Taberna sen dono, as dúas pezas de Manuel Varela Buxán, publicadas na colección Biblioteca das Letras Galegas en edición de Xosé Luna.

Presentación “O segundo sexo” en Vigo

O vindeiro venres, 25 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro de Vigo realizarase a presentación do primeiro tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir en Vigo. No acto participarán María Xosé Queizán, Marga Rodríguez Marcuño (tradutora da obra), Manuel Bragado e Carme Adán. Aquí pode atoparse información sobre a primeira presentación da obra, coeditada por Xerais e a Secretaría Xeral de Igualdade.

“A casa da luz” será levada ao cine

A casa da luz, a novela de Xabier P. Docampo, publicada na nosa colección Sopa de Libros, será levada ao cine este ano polo director Carlos Amil Serantes e producida por Vimbio Filmes. A película será “unha das primeiras longametraxes de imaxe real para nenos” que se realicen en Galicia e será rodada integramente en galego.