Menu Xerais

Arquivo mensual: Setembro 2010

«Luz de Tebra», crítica de Marga Romero

O suplemento literario Faro da Cultura, de Faro de Vigo, acolle hoxe unha recensión crítica de Marga Romero sobre Luz de Tebra, o libro de relatos de Ánxel Vázquez de la Cruz, que foi o libro máis vendido na Feira do Libro da Coruña este verán, un libro que sigue contando cunha magnífica acollida dos lectores e lectoras.

«Dicionario de arte», crítica de Manuel Rodríguez Alonso

O crítico Manuel Rodríguez Alonso ocúpase no seu blog do Dicionario de arte, publicado recentemente por Xerais, unha obra de consulta, preparada polos profesores Emilio de Gregorio e Armando Sendín, coa intención de proporcionar en galego unha explicación clara e breve, contextualizada e global dos termos claves da arte e da súa historia.

«Settecento», en O levantador de minas

O blog O levantador de minas fala moi favorablemente de Settecento, a novela de Marcos Calveiro, Entre outras cousas, sinala: «É, ao tempo, unha novela animada e rica en descricións anímicas oportunamente traballadas.

«Todo ben», a primeira novela de Manuel Rivas

A Nosa Terra, nesa estupenda sección denominada «Un libro para cada día», faise eco da reedición na colección Fora de Xogo, de Todo ben, a primeira novela de Manuel Rivas, «unha historia ambientada no Brasil, con moito fútbol, algo de amor e unha chisca de intriga».

«Randea do alento», a ferocidade do século XX na obra dunha Premio Nobel

As páxinas de cultura do Galicia Hoxe recollen a publicación de Randea do alento, de Herta Müller, a segunda novela da Premio Nobel alemá que publica Xerais. Traducida ao galego por Marga do Val, Randea do alento relata a deportación da minoría alemá en Romanía aos campos de traballos forzados en Ucraína en xaneiro de 1945 a través das vivencias dun mozo de 17 anos, Leo Auberg.

Crítica de Armando Requeixo sobre «Lapidarias»

O crítico Armando Requeixo aborda nunha recensión o poemario Lapidarias. Os versos escuros, de David Rodríguez.

«Asasinato no Consello Nacional» primeiro capítulo para ler

Pódese baixar en pdf o primeiro capítulo de Asasinato no Consello Nacional, a próxima novela de Diego Ameixeiras, que tanta expectación está a levantar e que se centra no asasinato de Mario Dacosta, parlamentario do BNG, o día en que todo o Consello Nacional presenta a súa dimisión logo do resultado electoral no que o bipartito perde as eleccións. Asasinato no Consello Nacional chegará ás librarías na próxima semana.

«Os libros arden mal», no spoken word de San Simón

Mañá sábado, o escritor Manuel Rivas estará no spoken word da illa de San Simón organizado por AGADIC. No acto, Rivas parte da lectura de fragmentos da novela Os libros arden mal para establecer un diálogo creativo con dous músicos (o guitarrista Gastón Rodríguez e o serruchista Pulpiño Viascón) e co cantante de tangos Marcos Meléndrez. O acto dará comezo ás 18:00 horas e é aberto ao público.

«Terra de Soneira», un libro sobre o corazón da Costa da Morte

Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte é unha das últimas novidades de Xerais que xa está nas librarías. Coordinado e dirixido por Xosé María Lema Suárez, no libro participan tamén como autores, amais do propio coordinador, Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Roberto Mouzo Lavandeira e Xosé María Rei Lema.

Eyré escribe sobre «Reckless. Carne de pedra»

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en tránsito a primeira referencia crítica a Reckless. Carne de pedra, de Cornelia Funke. Eyré destaca, especialmente, que «é unha novela moi intelixente e destila unha vontade de estilo tamén a ter moi en conta». Tamén salienta a calidade da escrita e a súa armazón estrutural.

«Vidas post-it», o libro de relatos que descubriu a Iolanda Zúñiga, reeditado en Narrativa

Vidas post-it, o libro de relatos  que descubriu a  autora revelación dos últimos anos, Iolanda Zúñiga, recente Premio Xerais de Novela con Periferia, acaba de ser reeditado en Narrativa e estará a vindeira semana á venda en todas as librarías.

«Randea do alento», da Premio Nobel Herta Müller, estará a próxima semana nas librarías

A vindeira semana estará nas librarías Randea do alento, da alemana Herta Müller, Premio Nobel de Literatura 2009. Hai uns días adiantabamos, desde o blog de Xerais, a posibilidade de ler o primeiro capítulo da obra, así como a introdución da tradutora, Marga do Val. Radea do alento é a segunda novela desta autora que publica Xerais, logo de O home é un grande faisán no mundo.