Menu Xerais

Consumir cada segundo: «A punta de pistola», de Fran Alonso. Anotación de Xosé Manuel Eyré

Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog unha anotación sobre A punta de pistola, de Fran Alonso, Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia.

 

 

A historia, «A punta de pistola»

O marco non dá para máis, obriga, obriga a consumir cada segundo a punta de pistola, coma se fora o último, coma se fora o último a carón dos demais que están vivindo canda ti, coma se fora o último antes do seguinte, antes da seguinte confluencia, antes da seguinte diverxencia.

O marco non dá para máis, nin a vida nin o formato folletinesco do Premio de LVG. Así que cómpre saber vivilo, saber empregalo. E se es autor/vividor xa con oficio mellor o saberás facer. Velaí que Fran Alonso, na novela que ten nos trinques, afastouse dos experimentalismo a menos que experimentalismo se queira chamar ao feito de facer confluír varias historias de xeito que a novela, máis que as historias que conflúen sexa a confluencia, o instantaneísmo multilateal converxente.

Enceteina onte e quédanme catro capíulos por ler. E aclaro tamén que o dito non significa que a historia novelada non teña densidade, nin de contido nin de fondura temporaria, porque é quen Fran Alonso de percorrer desde o primeiro terzo do século xx deica unha actualidade ( que pode ser precisada no que me resta por ler).

Porque é que no punto exacto que vivimos, inmediatamente anterior á seguinte diverxencia, levamos dentro a traxectoria disparada de todas as confluencias antes vividas. Levámolas no saco, a punta de pistola.

Velaí que, meu, non abonda con vivir senón que cómpre saber vivir. Saber escoller.

E ti podes escoller. Non moito, mais algo si. Podes escoller entre vivir no mundo da play, do colegueo insubstancial do «buen rollito» e do vacilón aparencial. Igual non podes facer moito porque devolvan os cartos roubados no asunto das preferentes. Mais podes escoller vivir desde o compromiso social, podes vivir comprometido co que pasa ao teu redor. Si, eu escollín ser nacionalista, vivir entre xentes que me chaman de irmán. Esa confluencia escollina eu.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!