Menu Xerais

Marcos Calveiro gañador do Premio Merlín 2012 por «Palabras de auga»

O xurado da XXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e dúas obras, formado por Ledicia Costas (escritora e secretaria de GALIX), Anxo Fariña (escritor, ilustrador e gañador do Premio Merlín 2011), Cristina Fernández Ameal (profesora), Silvestre Gómez Xurxo (escritor e mestre), Ánxeles Saco López (profesora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas as presentadas baixo os lemas «Chaeira», «Iris Hull» e «Palabras de auga».

Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Palabras de auga», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Marcos Calveiro e corresponde ao título Palabras de auga.

Palabras de auga, a obra gañadora da 27ª edición do Premio Merlín de literatura infantil, narra a aventura iniciática de Amadou, un rapaz suahili que pertence a un clan de nómades. A obra, sólida e perfectamente estruturada, está construída a través de continuos flashbacks que van artellando a historia.

Segundo os membros do xurado «os pulmóns de África respiran nas follas deste libro coa forza de todo o continente. A inclemencia do sol, a busca desesperada da auga, a sorte do alimento… E as mulleres, pedra angular das tribus africanas, e que nesta obra representan o sólido capaz sobre o cal descansa toda responsabilidade da supervivencia».

 «Cunha narración liviá entre a que se van entrelazando o galego e o suahili, o autor fai un impecable retrato do ser humano e do seu comportamento sometido a condicións extremas. O libro reborda lirismo e calidade literaria. É desas obras que emocionan, que conmoven, que cautivan».

Por último, os membros do xurado, sinalaron que «Palabras de Auga é unha viaxe cara o interior da África máis pura. Pero tamén cara o interior do propio eu, e esta é unha singradura sen posible retorno».

Marcos Calveiro declarou que «estaba realmente emocionado, o premio Merlín é o premio de referencia da Literatura Infantil e Xuvenil galega. Ver o meu nome aí canda os de Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, An Alfaya e tanto outros éncheme de orgullo».

Sobre a novela declarou que «Palabras de Auga é como outras miñas un diálogo intercultural, neste casa coa África Subsahariana. Con esa cultura da que só sabemos cando acontecen desgrazas ou polas mulleres e homes afoutos que xogan a vida embarcando nas “pateras” na procura dun futuro mellor para eles e para os seus fillos. O xerme da novela é unha nova nun xornal na que se falaba das chamadas “termitières”, mulleres que no Chad para alimentar aos seus fillos recollen o gran nos formigueiros. Esa imaxe, a dunha nai roubando o alimento ás formigas, impresionoume de tal xeito que me me empurrou a escribir esta novela. Unha homenaxe a esas mulleres africanas que malia a súa discriminación social son os verdadeiros alicerces das súas familias e tribos».

Hai 4 comentarios. Engade o teu.

Deixa un comentario!