Menu Xerais

María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón gañadores do Premio Xerais de Novela por «Tonas de laranxa»

O xurado da XXIX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros e no que concorreron trinta e dúas obras formado por Xaime da Pena Ceide (avogado), Ernesto Sánchez Pombo (xornalista), María Xosé Porteiro (xornalista), Begoña Rodríguez Outeiro (profesora), Xoán Cruz (profesor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto,  acordou declarar como finalistas as presentadas baixo os lemas «Faneca brava», «Ketos» e «Pouso da Arcai».

Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade acordou declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Pouso da Arcai» que, despois de aberta a plica, resultou ser de María Lorenzo Miguéns Manuel Lorenzo Baleirón e corresponde ao título Tonas de laranxa.

Os dous autores, filla e pai, debutarán con este texto na narrativa galega.

María Lorenzo Miguéns (Tarrío – Dodro, 1986) é licenciada en Comunicación Audiovisual e na actualidade cursa estudos para a obtención do Grao en Mestre de Educación Primaria. Como narradora obtivo en 2001 un accesit no certame Contos para a mocidade de Ourense por «Cabalos azuis» (editado pola Xunta de Galicia en 2002) e en 2007 un accésit no Premio Carlos Casares de microrrelato coa peza «O limoeiro».

Manuel Lorenzo Baleirón (Tarrío – Dodro, 1957) é mestre en Educación Primaria, licenciado en Filosofía e licenciado en Historia da Arte. Traballa como profesor no IES Macías o Namorado de Padrón. Publicou a obra Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga. Ed. Concello e Dodro. 2011.

Os membros do xurado do Premio Xerais de novela 2012, no ditame que elaboraron sobre Tonas de laranxa salientaron que «sen menoscabo para as excelentes novelas presentadas a este premio, tivemos moi clara a escolla desde o primeiro momento, feito que deu como resultado unha rapida elección por unanimidade. Non hai dúbida de que os membros do xurado quedamos engaiolados polo sensitivo perfume a laranxa desta obra na que o lírico, o onírico e o simbólico se conxugan de xeito maxistral para dar lugar a unha novela fermosa».

«A partir da recreación dun espazo imaxinario, marabilloso, que rende homenaxe á narrativa de Álvaro Cunqueiro, no lugar de Moreira, que é onde se desenvolve esta historia, vanse tecendo as vidas, por veces insólitas, de moitos personaxes curiosos, fabulosos, entrañables, que se introducen coma po nas nosas vidas e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmósfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo».

«”Pouso da Arcai”, ou Tonas de laranxa, bota man dunha linguaxe inmensamente rica e fluída, evocadora, coa que demostra unha sorprendente habilidade e destreza para as descricións dos personaxes e dos escenarios. O resultado desa escrita vivaz é unha armanzón literaria de engaiolante beleza, de gran musicalidade e de habelenciosa coherencia, habitada por un mosaico de personaxes de distinta índole e condición».

«O tratamento do tempo e a importancia que os reloxos teñen na novela dota a obra, paradoxalmente, dunha estraña e doce sensación de atemporalidade, empuxando á pracidez, á beleza e ao preciosismo».

«A través de Uxío Oliveira, da súa cativadora avoa Aurora dos Santos, do inmigrante Amir Alfarat e da súa filla Oriana, do misteriosamente desaparecido Amaro e da curiosa peixeira Sofía Costa, como  de tantos outros personaxes, o autor ou autora constrúen unha fabulación extraordinaria, que debulla maxicamente os pequenos feitos que suceden na vila de Moreira, antes chamada O Laranxal».

Para rematar, os mebros do xurado cualificaron Tonas de laranxa como «un acto de amor á lingua, arrecendente, profundo, vivo, diverso e capaz de espertar a fame do lector ou lectora».

María Lorenzo Miguens declarou declarou cando coñeceu a noticia do premio que «a intención de ambos os dous autores, filla e pai, foi botar da man de Cunqueiro estas tonas de laranxas ao mar, xa que non se vive sen soños, para regresar ás illas das Cotovía».

Pola súa banda, Manuel Lorenzo Baleirón dixo que «todas as obras son anónimas. Todas son colectivas. Para ir tecendo estas historias de ensoños, reloxos e laranxas fomos collendo palabras de aquí e de acolá, xuncas das Brañas de Laíño. Nunha lingua antiga. Irrenunciable».

Hai 2 comentarios. Engade o teu.

Deixa un comentario!