Menu Xerais

Discurso de Marilar Aleixandre: «O círculo de luz: escrita, conflito e lume»

A escritora Marilar Aleixandre, como mantedora literaria dos Premios Xerais 2012, alertou no seu discurso,  «O círculo de luz: escrita, conflito e lume», ao papel da lectura e dos libros que iluminan,  aqueles que «foron escritos con lume e gardan ascuas entre as súas páxinas», aqueles que «traban en nós, como di Kafka, os que cravan o seu ferrete». Aleixandre defendeu a lectura de «libros que sexan literatura, que teñan lume dentro», sendo xeralmente aquelas obras que «teñen no seu cerne un conflito dentro». A autora de Teoría do caos e de A cabeza de Medusa salientou que «o conflito, a desventura, o infortunio son os vimbios cos que se tecen, non só as novelas chamadas de adultos, senón tamén as xuvenís». «Creo que Rosalía concordaría en que escribir é chamar as cousas polo seu nome e, en moitas ocasións, levar a contraria», engadiu. «As escritoras, os escritores temos por ferramenta a palabra, a palabra xusta, usada como puga de toxo, como ferrete, como machada, como facho que alumea ou incendia. Temos tamén por ferramenta a imaxinación, que nos permite soñar que as causas perdidas serán un día gañadas». Citando a Rosalía de Castro e Castelao, rematou dicindo porque estes autores «imaxinaron ser posible escribirmos en galego, podemos celebrar hoxe estes novos libros. Convócovos a ler libros que arden, a escribir libros que prendan lume».

O texto completo do discurso pode baixarse en pdf aquí.

Hai 2 comentarios. Engade o teu.

Deixa un comentario!