Menu Xerais

Co fío dos Rolling Stones: «Nubes de evolución», de Andrea Maceiras. Crítica de Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Novenoites unha recensión crítica sobre a novela Nubes de evolución, de Andrea Maceiras.

 

Vidas que evolucionan como nubes

Unha fría estación de autobuses pode ser un bo lugar para aprender da vida e para atopar un sitio no mundo. É unha das moitas e interesantes conclusións que se poden tirar desta novela de Andrea Maceiras (A Coruña, 1987), unha moza xa con certa experiencia nos eidos literarios (narrativa e poesía) e que con esta novela, Nubes de evolución, quedou finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil na convocatoria do ano 2011. No pasado mes de xaneiro Edicións Xerais editou a novela na colección “Fóra de xogo”.

Nubes de evolución é unha historia de fríos, de inestabilidades, de soidades, de encontros casuais, por veces inverosímiles, e de personaxes que, unidos por a frase dunha cancións dos Rolling Stones (Angie) e tamén pola presenza de dúas persoas co mesmo nome, unha delas soamente evocada ao final do relato, conseguen atoparse a si mesmas.

A novela, en efecto, de lectura doada para adultos e adolescentes, preséntanos a tres personaxes. Os tres narran en primeira persoa anacos das súas vidas ou as súas vivencias. Son vidas marcadas polo desengano, polo fracaso e, sobre todo, pola soidade. Teñen en común o feito de se atoparen casualmente na fría estación de autobuses. Alí traballa Amanda, unha moza de dezanove anos, nai solteira que vive coa súa filla Ánxela, cos seus soños rotos e o rostro afundido polo cansazo. Leva más dun ano dedicada a superar os retos de cada día. Pola mesma estación transita cada dous días Uxío, un rapaz rebelde, con problemas familiares e relacións tensas, que reproduce coa súa moza o mesmo comportamento que teñen os seus pais entre si. O terceiro narrador homodiexético é Luís, un vello profesor de instituto, cheo de manías, que, incapaz de asumir a realidade da morte da súa muller, constrúe unha morea de hábitos absurdos cos que por orde na súa vida. O seu traballo como docente no instituto está así mesmo lacerado pola rutina.

De xeito gradual, Andrea Maceiras vai achegándolle ao lector as maneiras como estes tres personaxes, que nos seus primeiros encontros mesmo se desprezan entre si, van establecendo entre eles unha relación. O detonante será a frase da canción Angie (When will those clouds all disappear?)  pintada na estación. Esa frase romperá o xeo que os afasta, e así  a base de silencios, pequenas conversas, vanse desprendendo de fríos e tristuras, de odios e amarguras e asumirán o reto de recobrar as súas vidas. Ánxela será a forza secreta na que se apoien.

A autora achéganos unha aceptable novela que mantén o interese do lector. Con indubidables acertos, como tal ao narrar a evolución dos tres personaxes -son a antítese  de personaxes planos-; no retrato introspectivo destes tres seres xeados sobre todo polo frío da vida; na descrición da soidade, ese medo ao silencio absoluto, ao baleiro, e o esforzo que fan estes tres seres por superala. Novela de lectura optimista, quizais en exceso, de casuais encontros moi determinantes. En resumo, un puzzle vital ben relatado e cun final tan feliz que precisamente por iso resulta pouco crible ou propio dalgunha serie folletinesca.

Francisco Martínez Bouzas

Hai 1 comentario. Engade o teu.

alicia —

É verdade que o final é demasiado feliz, pero o tema principal é a superación. Así que se rematase mal… nos serviría para nada.
Alicia

Respostar »

Deixa un comentario!