Menu Xerais

A poesía como xoguete sonoro: «As redes de Inés», de Elvira Riveiro Tobío. Crítica de Eli Ríos

A Sega publicou unha recensión crítica de Eli Ríos sobre As redes de Inés, de Elvira Riveiro Tobío, con ilustracións de Fino Lorenzo, publicado na colección Merliño.

 

 

As redes de Inés. Elvira Riveiro

Afirma Gianni Rodari que “…la imaginación, en nuestras escuelas, es tratada todavía como pariente pobre, con una ventaja total a favor de la atención y de la memoria; si escuchar pacientemente y recordar escrupulosamente constituyen aún las características del alumno modelo, que es, en definitiva, el más cómodo y manejable(…) Si una sociedad basada en el mito de la productividad (y en la realidad del beneficio) tiene necesidad de hombres a medias —fieles ejecutores, diligentes reproductores, dóciles instrumentos sin voluntad—, quiere decir que está mal hecha y que hace falta cambiarla. Para cambiarla, se requieren hombres creativos, que sepan usar su imaginación”[1]. Concordo niso de que a imaxinación é a “parente pobre”, no mito da productividade e en que hai que transformar a sociedade pero non por homes creativos que aniquilen a idea de “hombres a medias” porque estaremos a transmitir o mesmo modelo no que a metade da poboación é totalmente invisible: si, as mulleres. Porque tamén, hai (vou dicir unha obviedade) mulleres creativas, con imaxinación e que non desexan ser executoras, dilixentes reproductoras nin dóciles instrumentos sen vontade. E Elvira Riveiro móstranos na súa obra, As redes de Inés, que outra realidade é posible desde idades temperás.
Na etapa infantil, a poesía é un xoguete sonoro cheo de cores que non está condicionado por normas gramaticais e lóxicas. Simplemente é un elemento lúdico do que gozar. Neste proceso de xogo ábrense os camiños da inventiva pero, ao mesmo tempo, incorpórase léxico novo, contribúese á adquisición da linguaxe e refórzanse os lazos afectivos e referenciais. Lembremos que a linguaxe é o recurso primordial para comunicarse cos demais. Adquirila non só é obter os elementos que a constitúen senón, tamén, os mecanismos para usala e, desta forma, conseguir unha inserción positiva na cultura e na lingua da contorna. Se, neste período de aprendizaxe orientado a que as experiencias vitais das nenas e dos nenos se amplien e diversifiquen, só se presentan situacións nas que as nenas non se reflictan estaremos escabezando toda posibilidade de ofrecer exemplos diversos que favorezan a imitación de modelos lingüísticos e sociais cos que sentirse identificadas. Ao mesmo tempo, aprenderémoslle aos nenos a continuar un sistema como o que mencionaba Gianni Rodari na cita anterior.
As redes de Inés é un poemario que nos leva, da man de Inés, a coñecer o oficio das redeiras e a ser ” capaz de ler/historias salgadas/ que me fan crecer” porque ” o mundo é maior/ cando escoito a Inés”. E, non só se contan as aventuras do avó Olegario ou do tío Miguel senón as da avoa Esmeralda, a súa nai Rosa( “redeira tamén”), “a historia da solla”, “o conto da nena/ que quixo facer/ un traxe coas redes”, a ” da moura/da praia de Bens” ou a da lúa. Personaxes femininas próximas (a nai, a avoa, Inés) que fan cousas máxicas como “virar en arte/ o seu quefacer”, falan cun “sorriso de mel” ou converten “as ondas/ nun gran consomé/ e ten redes de ouro/que estende aos seus pés”. Mulleres nas que proxectar a imaxinación e desfrutar cos xogos de palabras, co ritmo, coas personificacións, coa cadencia,…, sen o alleamento do xénero. Sentíndose parte e protagonistas da lectura.
E eu sei que ela sabe,
ela sabe que eu sei…
Este texto está artellado en fragmentos cortos e rimados que axudan a reter as imaxes sonoras. Isto xera, tamén, unha atención máis activa e conleva un desenvolvemento na expresión das propias experiencias vitais, ademais dun enriquecemento do vocabulario co que poder verbalizalas. Estas imaxes son reforzadas polas ilustracións ( de Fino Lorenzo) que funcionan como un feed-back. Coa técnica do collage mistúranse elementos familiares nos procesos creativos, das nenas e nenos, como o cartón, os deseños de trazos sinxelos, retallos de xornais, etc, e xéranse composicións que amplian a información (e a imaxinación) de quen le. Ciméntase, desta forma, unha lectura global onde a imaxe, a harmonía, a musicalidade do verso, os recursos e os materiais forman un todo homoxéneo para conseguir a comprensión natural da historia. Un poemario no que a linguaxe orixina novas realidades simbólicas desde a figuración e a creación ou, en palabras de Hamann[2], no que “a poesía é a lingua materna do xénero humano”.
 Elvira Riveiro Tobío: As redes de Ines. Xerais, 2014

[1]          RODARI, G., Gramática de la fantasía, Booket, Barcelona, 2003, páx. 154.
[2]             Traducción propia de “La poesía es la lengua materna del género humano” de  J.G. Hamann, Obras II, Aesthetica in nuce en SMILG VIDAL, N., Ilustración y lenguaje en el pensamiento de J. G. Hamann, Contrastes, vol. XVI, Universidad de Murcia, 2011, páx. 16.

Deixa un comentario!