Menu Xerais

Agustín Fernández Paz: «Calquera vida pode ser materia para unha novela apaixonante». Entrevista de Carme Vidal

Sermos Galiza publicou unha entrevista de Carme Vidal a Agustín Fernández Paz.

 

Agustín Fernández Paz: «Calquera vida pode ser materia para unha novela apaixonante»

Os personaxes de A viaxe de Gagarín (Xerais) continúan aínda vivos no mundo de Agustín Fernández Paz. O escritor está no proceso de “descompresión” da súa nova novela, unha historia de iniciación e memoria na que volve aos anos sesenta, o seu propio tempo de aprendizaxe e descuberta. Como acontece con cada unha das súas obras, Agustín Fernández Paz tiña ao público lector agardando por este novo título. Achegámonos ao autor para que nos fale da novela máis vendida da tempada.

-”Cando os nosos pais desaparecen, comezamos a botar de menos non ter conversado máis con eles”, escribe no arranque da novela. 

É un sentimento xeralizado que a min tamén me aconteceu, a idea de que tiñamos que ter falado máis, das cousas que non se contaron. Meu pai morreu novo, con 56 anos, e quedaron moitas cousas sen saber. Trátase dun tema moi literario e á vez moi real. Unha ausencia forza o repaso á vida. Ten que acontecer algo esencial, forte, para que unha persoa se anime a lembrar a súa vida, como é o caso do protagonista da novela que rememora a última infancia e a mocidade, etapas fundamentais para cada un de nós. Cando escribes a novela non fas ese discurso, ten un aquel de irracional. É unha vez rematada cando lle ves o xeito. Non me decatei, poño por caso, de que entra nos canons da novela de formación. As novelas obedecen a un plan mais tamén responden a un pulo apaixonado, un inicio irracional. Trato de averiguar en que momento xurdiu A viaxe de Gagarín e non me sae algo concreto, deberon ser varias as razóns que me motivaron.

-Compartiu de maneira singular o proceso co público lector a través da rede, dando pistas no inicio e ofrecendo nun blog a documentación no remate. 

Son consciente de que moita xente non sabe nada dos estados de excepción, da censura.. do que aconteceu nos anos sesenta e quixen compartir toda a interesante documentación que conseguira. Aféctalle a todo o mundo. Cando se fala de retrocesos sociais e políticos a xente ten que saber que os anos sesenta non eran só da minisaia senón que había movementos de oposición ao franquismo e condenas a morte. A documentación é fundamental, unha especie de río soterrado da novela e que dá seguridade á escrita. Por poñer un exemplo, falo da Pirenaica e para iso é moito o que lin. Hemingway emprega para explicalo a metáfora do iceberg, é dicir, o que lemos é a parte que queda visíbel mais por debaixo están as tres quintas partes do xeo, fundamentais para soster o visíbel. O proceso anterior é solitario, o que importa é o posterior. A escritura esixe que te metas nas vidas, no mundo que creas. Non gosto de andar comentando moito nese momento. En cambio, ao rematar vin o interese de explicar ese mundo dos sesenta que alí só se intúe e mostrar os seus sinais musicais, literarios e históricos desde a perspectiva de hoxe. As memorias de Rafael Pillado, poño por caso, déronme moitas pistas.

-De feito, a novela toma forma de memorias, escritas en primeira persoa polo protagonista e dirixidas a seu fillo. Como se relacionan os dous rexistros?

Dunha maneira ou outra, a memoria está en todos os libros, o que acontece neste caso é que a primeira persoa dálle aire de veracidade. Vivín os sesenta e por iso intentei que a voz de Miguel soase a próxima, a cercana. Non quería contar grandes feitos senón a intrahistoria- Os seus pais e as amizades son militantes de base do PC, non son dirixentes do partido. Toda vida ten unha épica e calquera vida se atopa quen a conte e se se conta ben pode ser unha apaixonante novela. Son únicas, ninguén pode ter unha vida igual á outra e iso faina extraordinaria. Esta é unha novela xeracional e o que lle acontece a Miguel podíalle ter pasado a moita xente mais as vidas son únicas e en todas pasan grandes cousas como a descuberta do mundo, da amizade, a implicación nos ideais e as loitas… A aventura espacial é o pano de fondo.

-Comparte entón a idea de Tabucchi de que, fronte ao relato histórico, a literatura dá a verdadeira dimensión da traxedia?

Completamente. A miña vontade era a de narrar unha vida, a intrahistoria. Os grandes feitos quedan para os libros de historia. Podía así dar a visión do que acontecía verdadeiramente nos anos sesenta. Tabucci escribiu ese libro magnífico Afirma Pereira, cun protagonista mediocre, cobarde cunha vida que queda engrandecida polo xesto final, que xustifica toda a súa traxectoría. Tamén eu quería narrar unha vida, a intrahistoria que nos dera a visión persoal dos anos sesenta.

-A memoria e a morte dos pais como detonante fan lembrar a súa novela Non hai noite tan longa. Por que aparecen de volta no seu novo libro?

Só é a posteriori cando me decato disto. Tamén as dúas falan dos anos sesenta e nas dúas queda reflectido o ambiente sórdido daquela sociedade galega e española. Nótase que foi unha década importante para min, na que me fixen mozo e descubrín o mundo.

-Os dous libros insírense na colección “Narrativa” de Xerais. Hai anos mostrábase remiso a saír do ámbito editorial xuvenil. Por que decidiu dar o paso?

Con Aire Negro o editor Manuel Bragado estaba moi empeñado e eu resistinme aínda que logo saíu nas dúas coleccións. Cando escribo unha novela o que busco é que teña unha linguaxe clara para que a poida ler calquera persoa. Agora comprobo que a mocidade non ten reparo en achegarse a determinados libros da colección “Narrativa” mais, por desgraza, ao revés aínda persisten os prexuízos. Á xente adulta cústalle achegarse aos libros de coleccións xuvenís.

-Como fai para que cada novo libro sexa unha noticia aplaudida polo público lector?

Declárome afortunado. O mellor premio que pode ter un escritor son os seus lectores. Estou obsesionado tamén como lector porque as historias, mesmo complexas, estean escritas de maneira fluída, como un regato que baixa pola montaña. Ao primeiro, os libros saen enrevesados, mais compre traballo e tempo para que flúan.

-Procurar esa lectura fluída é traballo de humildade?

Non o creo. É a miña concepción literaria, escribir de maneira que ao lector non lle resulte complexo. Outros autores escriben de maneira máis escura e o seu traballo é igual de digno. O meu é optar pola transparencia o que só se pode conseguir a base de versións e cambios. O primeiro borrador sempre é espeso. Só o traballo permite crear unha obra de lectura fluída, que o libro teña ritmo e que a estrutura das cousas que pasan, a materia narrativa, estean ben distribuídas.

-Despois dun proceso como o nacemento dunha novela longa, como se inicia outro proxecto literario?

Cun proceso de descompresión. Cando creas un mundo implícaste nel, todo o que che pasa nese tempo semella estar en relación neste caso agravado aínda pola aposta do blog. Para meterme nunha nova novela ten que pasar tempo, que esta xente, os personaxes, se vaian perdendo, que desocupen a túa vida. Unha novela é como un capítulo da túa vida. Agora teño que pechar os anos sesenta, non podo volver a eles, xa lle chegou.

Carme Vidal

Deixa un comentario!