Menu Xerais

«Europa Express» de Andrea Maceiras, premio Jules Verne 2015

O xurado da VII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil , dotado con 10.000 euros e no que concorreron 23 obras, formado por Anxos Rial Vidal (profesora e coordinadora dos clubs de lectura do IES de Poio), Xesús Pena Pérez (licenciado en química), Noemí Lage Redondo (alumna de 4º de maxisterio en Lugo ), Itziar Fernández Sömme (alumna de 2º de Bacharelato no IES Castro Alobre de Vilagarcía), Nicolás Teixeiro Garrido (alumno de 4º da ESO no IES Terra de Turonio de Gondomar) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas «Europa»,«Leaena Hiems» «Violeta». Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Europa», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Andrea Maceiras e corresponde ao título Europa Express.

Andrea Maceiras Lafuente (A Coruña, 1987) é licenciada en Filoloxía Galega e Hispánica. No eido do relato curto obtivo en varias ocasións o primeiro premio do Certame Literario do Concello de Cambre nas modalidades de narrativa e poesía, así como o segundo premio do X Certame Literario de Relatos Curtos «Os Viaductos» do Concello de Redondela polo seu relato «Cando foi a última vez que pasou fame de verdade?». A súa primeira novela xuvenil, Proxecto Bolboreta, foi publicada na colección Fóra de Xogo en Xerais no ano 2007 como obra gañadora do I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior. Foi finalista en 2010 do VI Premio de Novela Biblos-Pazos de Galicia. Nese mesmo ano gañou o Premio Meiga Moira por Violeta Tamurana (Baía Edicións, 2010), que tamén sería finalista do Premio da Edición 2010 e do Premio Frei Martín Sarmiento 2011. Publicou despois as novelas O segredo do lagarto arnal (Baía, 2012) e Nubes de evolución (Xerais, 2013), finalista do Premio Fundación Nova Caixa Galicia 2011 e gañadora do Premio Fervenzas Literarias 2014 ao mellor libro xuvenil. Foi finalista do Premio Merlín en 2013 con Volverás, golfiño (Xerais, 2014) e gañadora do Premio Meiga Moira con Miña querida Sherezade (Baía Edicións 2014).

No seu ditame, o xurado da VIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil sinalou o seguinte:

«Aroa, Xacobe, Nico, Beatriz, Óscar, Piero e Mía son un grupo de adolescentes que despois de rematar o Bacharelato deciden viaxar xuntos por Europa, de Noruega a Galicia, en interrail. Ao longo deste periplo descubrirán a vida en liberdade e a complexidade das relacións persoais, marcadas fundamentalmente polo carácter de Xacobe, un rapaz moi intelixente pero cunha infancia traumática no seo dunha familia desestruturada, quen acotío inquietará o resto de rapaces e rapazas coas súas profundas reflexións sobre a existencia e o seu estraño e cambiante comportamento.

Europa, a novela gañadora desta sétima edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, arranca dez anos despois desta viaxe, cando Nico, por motivos laborais, regresa a Berguen, cidade norueguesa pola que pasaran naquel interrail. A súa afección a coleccionar postais revelaralle a Nico, de maneira fortuíta, certa información que provoca nel un cuestionamento da súa vida actual e a necesidade de resolver as dúbidas sobre a traxedia que os envolveu a todos e todas ao seu regreso da viaxe de tren. Malia as reticencias de Aroa a revolver no pasado, Nico logra contactar cos compañeiros e compañeiras de viaxe e organiza unha festa de reencontro a partir da cal irán aflorando todos os matices que permitirán aclarar as causas daquel fatídico acontecemento.

A novela, construída en base a unha arquitectura precisa, case palindrómica, na que só se lle concede a Xacobe a licenza de falar dende o pasado, está estruturada en tres grandes bloques nos que se van intercalando narracións en terceira persoa que transcorren dez anos antes con outras en primeira persoa, de cada un dos personaxes, no tempo presente.

Aínda que enfiada por Nico dende o seu comezo, Europa é unha novela que poderiamos denominar como «coral», onde todos os personaxes cobran voz propia e relevancia no devir dos acontecementos. A obra recrea á perfección a desorientación propia da adolescencia e a melancolía que acompaña, na madurez das persoas, a lembranza dos luminosos días de mocidade, dos días, como se evoca na propia novela citando a Wordsworth, de “esplendor na herba”.»

Andrea Maceiras declarou que «Europa Express é unha novela de intriga psicolóxica. Narrada cunha técnica multiperspectivista, a historia alterna lugares, personaxes e tempos narrativos no seu avance cara o descubrimento dunha verdade inexorábel, capaz de cambiar o rumbo das vidas dos seus protagonistas. A liberdade das viaxes, a identidade ou a procura do amor son algunhas das constantes deste relato que afonda na esencia da mocidade, tan efémera no tempo como perdurábel na memoria.»

 

Hai 2 comentarios. Engade o teu.

Deixa un comentario!