Menu Xerais

Léndoa, aprendín cousas da vida e sentinme dentro desa historia: «As horas roubadas», de María Solar. Texto de Alfonso Becerra

O dramaturgo Alfonso Becerra, que participou onte na presentación de As horas roubadas en Vigo, publicou un texto sobre esa novela de María Solar.

As horas roubadas

AS HORAS ROUBADAS de María Solar ten aparencia de sinxeleza, achegada por unha expresión concisa, medida con equilibrio e precisión, sen recorrer a grandilocuencias nin facer ostentacións literaturizantes.
Pero esa aparente sinxeleza acaba por levarnos ao interior dunha análise fondísima de personaxes, situacións e sentimentos de grande complexidade.

Asuntos como a realización da utopía do amor eterno, ese sentimento marabilloso, de plenitude absoluta, que non queremos que murche ou desapareza. Por outra banda, a morte, a decrepitude, a perda da memoria, desmitificando os tópicos morbosos que xiran ao redor dela e traéndoa á proximidade, naturalizándoa. Por outra banda, tamén o amor paixonal que, co tempo, esmorece. A asunción dos medos e dos cambios. Os froitos do rancor e da xenreira…

AS HORAS ROUBADAS é unha novela na que a autora parece diluirse entre os personaxes e os sucesos. Non está por riba deles, xulgándoos desde unha posición de superioridade, nin tampouco por baixo, elevándoos a heroes. Non. Semella que os acontecementos e os personaxes se desenvolven por si mesmos, sen que unha narradora omnisciente e omnipotente manexe os fíos. Neste senso, dáse unha ficción autónoma que, como tal, resulta de extremado realismo e produce unha inmersión de quen le.

AS HORAS ROUBADAS é unha historia coral, pero, ao mesmo tempo, tamén acaba por ser un tratado, un ensaio, sobre a vida, e aí adquire unha certa dimensión filosófica.
Eu, léndoa, aprendín cousas da vida e sentinme dentro desa historia. Unha historia de transicións vitais, ambientada na transición cara a unha democracia pola que, áinda hoxe, seguimos loitando.
Unha novela moi asequible, nada elitista, de moi fácil lectura e de fondo e sutil alcance poético.

Alfonso Becerra

Deixa un comentario!