Menu Xerais

Unha novela que descobre un dos grandes valores da nosa narrativa contemporánea: «As horas roubadas», de María Solar. Crítica de Manrique Fernández

A web de Comarcas na Rede publicou unha valoración crítica de Manrique Fernández sobre a novela As horas roubadas, de María Solar.

 

 

María Solar, «As horas roubadas»

H.G. Wells ideou a máquina do tempo nos confíns do século XIX, e María Solar púxoa a andar nestes primeiros compases do XXI. Para os que xa temos unha certa idade, “As horas roubadas” é unha viaxe a un pasado que semella cada día máis lonxano pero que, no fondo, está a tiro de pedra: o ano 1979.

Digo isto porque a historia que Solar nos debuxa na súa primeira incursión niso tan difuso que chaman “literatura para adultos”, podería encaixar (se salvamos certas cuestións formais) en calquera tempo ou lugar por tratar un tema tan universal como o das relacións persoais. Pero ao axustala a un entorno temporal tan preciso adquire unha nova dimensión: é un tempo de transición cara a un novo sistema político, nunha España sacudida polos bandazos derivados da morte do dictador, pouco antes da aprobación da lei do divorcio, nun intre de mudanza cara a algo que se pode albiscar ao fondo pero que aínda non amosa unha silueta precisa…

Pola relevancia que tal entorno ten no relato, a autora ofrece unha ambientación perfectamente estudada. Calquera dos que vivimos aquela época lembramos os papeis de parede con grandes debuxos xeométricos, as antenas “de cornos” dos televisores e o paso do branco e negro ás imaxes a cores, mesmo o acontecido con Betty Missiego nun festival de Eurovisión en horas altas. E sempre resulta gratificante viaxar ao noso pasado. Non sei se María Solar buscaba esa complicidade á hora de dirixirse a un público novo, de máis idade do que nos ten acostumados, pero sexa como sexa coido que foi un dos seus acertos.

O relato que nos propón fala, como queda dito, das relacións persoais, pero transita arredor da morte como eixo vertebrador. De feito, a trama comeza a desvelarse co pasamento dun ancián, viúvo, que agocha na súa man un papeliño cunha mensaxe desconcertante: “Dime que me queres”. E remata… Mellor que o vexades por vós mesmos.

A partir de ahí asistimos á descomposición de dous modelos familiares diferentes e con consecuencias ben distintas en cada un dos casos, nos que se ven implicadas as dúas familias protagonistas. As súas relacións internas e externas (as familias son veciñas e amigas), amosan dúas maneiras contrapostas de entender os cambios que se están a producir no entorno. Pero, a pesares desa continua mudanza, vemos que, no fondo, certas cousas nunca cambian e que determinados esquemas repítense unha e outra vez. Parágrafo este un tanto críptico, co que pretendo explicar a trama sen desvelar máis do debido…

María Solar propón esta viaxe dunha maneira tan sinxela e discreta que a súa intervención como narradora non distrae da historia, o que nos axuda a implicarnos cos seus protagonistas, mesmo a comprender determinados comportamentos pouco aleccionadores por parte dalgúns deles. Unha linguaxe clara e directa, elegante, exenta de adobíos superfluos, coidada e mimada ata o último detalle pero sen espaventos nin virtuosismos lingüísticos que nos despisten, para presentar unha historia que nos descobre, unha vez máis, a un dos grandes valores da nosa narrativa contemporánea.

Manrique Fernández

Deixa un comentario!