Menu Xerais

«Xa non estou aquí» de Iria Misa, premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2016

O xurado da VIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 22 obras, formado por: María Navarro (profesora e crítica literaria), David González Domínguez (estudante de Filoloxía na USC.), Xosé Manuel Fernández Rodríguez (funcionario), Natalia Fernández Lorenzo (alumna de 4º da ESO no IES de Beade), Anxo Iglesias Núñez (alumno de 4º da ESO no IES Terra de Turonio de Gondomar) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentados cos lemas «Cinza do teu mar», «Murnios», «Ollares» e «P & L».

Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Murnios», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Iria Misa Peralba e corresponde ao título «Xa non estou aquí».

Iria Misa

Iria Misa Peralba Iria (Gondomar, 1983) é licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo e profesora de ensino de secundario. Xa estou aquí, premio Jules de Verne de literatura xuvenil 2016, será a súa primeira obra publicada.

Xa non estou aquí

No seu ditame, o xurado da VIIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil sinalou o seguinte: «Ánxela, a protagonista de Xa non estou aquí, é unha rapaza que repite 1º de Bacharelato obrigada polos seus pais e que se enfronta aos conflitos de personalidade propios da súa idade. Dende o comezo da novela comparte directamente cos lectores e lectoras os seus desacougos, os seus medos, as súas inseguridades, pero tamén os seus ideais e as súas ilusións. Fainos tamén testemuñas da fría despedida que lles dirixe aos seus familiares, que a buscan con desesperación.

A vida de Ánxela sofre un cambio rotundo cando, a comezo de curso, meses antes da desaparición, coincide con María, que a seduce para integrala no grupo de rapaces coñecidos como os Murnios, de aparencia gótica e hábitos totalmente diferentes ao resto de compañeiros. Fascinada pola acollida destas novas amizades que ela consideraba fóra do seu alcance, Ánxela descubrirá o mundo das drogas e aceptará asumir as normas escritas do grupo, nas que se avoga pola busca do pracer polo pracer, obviando calquera tipo de consideración moral.

As arriscadas probas a que os Murnios se autosometen decontino na procura de experiencias vitais extremas que os satisfagan, crean momentos de incerteza na feble personalidade de Ánxela, afectada pola incomprensión da súa familia e polo abandono intensamente doloroso da súa parella. Pero sempre vence a necesidade de sentirse admitida e valorada nun momento difícil para ela, polo que recuncará, se cadra con maior ousadía, na súa relación cos Murnios.

A novela estrutúrase en dous tipos de narradores que se alternan diferenciados por capítulos: por un lado están as escenas narradas en primeira persoa, onde se insiren demandas de atención ás persoas lectoras, e nas que Ánxela describe a historia que lle sucede dende o día en que comeza o curso contándonos todos os detalles da súa relación coa familia e, especialmente, cos Murnios. Por outra banda, o relato complétase cunha narración fundamentalmente resolta en estilo indirecto libre adoptando o punto de vista de cada unha das persoas que a rodean, dende os seus familiares máis achegados ata aqueles mozos e mozas que tiveron relación con ela antes da desaparición e que en moitos casos son interrogados pola policía, que intenta descubrir o paradoiro da rapaza. Esta narración comeza o día en que Ánxela desaparece e irá pouco a pouco confluíndo no tempo co relato máis demorado da protagonista da novela.»

Iria Misa confesou cando soubo que fora premiada que «foi durante os anos de formación académica cando comezou o meu interese pola literatura e tamén a miña arela por escribir, aínda que non me dediquei completamente en serio á escrita ata anos máis tarde. Recibir este premio significa para min a confirmación de que todas as horas que lle quitei ao ocio ou ao estudo para darlle forma ás miñas historias pagaron a pena. Un impulso para deixar os medos e os reparos atrás e un pulo enorme para continuar creando historias».

«Xa non estou aquí será a miña primeira obra publicada. É unha novela que fala de sentimentos universais: a necesidade de pertenza a un grupo, de comprensión, a soidade… A intriga artéllase arredor da desaparición da protagonista, misterio que se irá desentrañando ao longo da novela a través dos distintos puntos de vista dos personaxes. É unha novela coral onde quixen traballar o multiperspectivismo e así poñer de manifesto o cariz tan distinto que pode tomar a realidade dependendo dos ollos de quen a mira.»

Hai 1 comentario. Engade o teu.

Deixa un comentario!