Menu Xerais

«A arte de trobar» de Santiago Lopo, Premio Xerais de novela 2017

 

O xurado da XXXIV edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 42 obras,  formado por Ana González Liste (xornalista), Marcos Lorenzo (xestor cultural), Diana Pastoriza (profesora de inglés da EOI e asesora TIC no CAFI), Lois Pérez Díaz (mestre e contador de historias),Afra Torrado (poeta e estudante de Belas Artes) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Bennu», «Caridad Verdet» e «Os días felices de Benvido Seixas». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Bennu», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Santiago Lopo e corresponde ao título «A arte de trobar».

 Santiago Lopo

Santiago Lopo (Santiago González Lopo) (Vigo, 1974) é profesor de francés na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra. Iniciouse profesionalmente traducindo guións cinematográficos en inglés para televisión, e en 1998 cotraduciu ao galego, xunto a Xavier Queipo, dúas obras do escritor francés Hervé Guibert (Citomegalovirus e O meu criado e mais eu), publicadas por Xerais na colección Ferros. Desde o ano 2000 colabora coa revista Unión Libre, onde publicou diversos artigos e traducións. Como narrador publicou: Game Over (2006), VI Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia; Peaxes (Xerais 2009, seis edicións), novela; Hora zulú (2012), XXIV Premio de novela García Barros; A Diagonal dos Tolos (2014), VIII Premio Narrativa Breve Repsol; e A voz das nereidas (2016), relato.

No seu ditame, o xurado da XXXIVª edición do Premio Xerais de Novela sinalou o seguinte:

«Un bo artefacto literario. Esa é a impresión que lle produciu a lectura da novela presentada baixo o lema de Bennu ao xurado do Premio Xerais de Novela 2017. Un artefacto literario que sobrancea pola plasticidade da súa escrita e que se caracteriza por un ritmo áxil e unha trama sorprendente.

 Bennu aproxímase á novela de aventuras e ao tempo, abrangue o referente cultural dun período histórico esplendoroso para a cultura galega, o século XIII. E ese é o marco no que a lírica provenzal e a lírica galega se atopan, fanse cómplices e comparten intereses comúns que viaxan, da man dos personaxes desta poderosa novela, ao longo do Camiño de Santiago. Por el viaxa Elvira, esa moza valente e afouta que foxe da represión que nobre Guy de Lille exerce, apoiado pola nobreza do norte de Francia, sobre os cátaros, as súas crenzas e sobre a lingua de Oc; por el, viaxa tamén a compañía dos cómicos Nuno e Xoán, Manrique Fadhila e o anano Máximo; e por este camiño tamén viaxa o perigo que ameaza en nome dun tempo de represión cultural e lingüística en Occitania que axiña se vai estender… ata onde?

Botando man dunha escrita clara, consistente, ben fiada, que evita caer na pretenciosidade, a novela fai gala dun excelente manexo do ritmo narrativo e dunha hábil combinación do humor cos referentes culturais máis exquisitos, coa dosificación da intriga e coa arte de trobar. Os personaxes condúcennos desde a cidade de Carcassonne, que vive baixo a violenta intimidación que o xa nomeado nobre Guy de Lille exerce sobre a cultura occitana, a cidades do Camiño como Xaca ou Burgos, onde vai contraer nupcias o rei Fernando III. Na súa corte pulula María Balteira e énchese de prestixiosos trobadores que empregan a nosa lingua, como Nuno Porco e Xoán Servando. A novela constitúe tamén, e sobre todo, unha intensa reivindicación do mundo das trobairitz e pon en valor a todas esas mulleres que a historia esqueceu.

De feito, a novela destaca por unha tratamento de xénero que impregna todas as súas páxinas, conducido con intelixencia e brillantez, de xeito que, sen que nos decatemos, derruba moitos dos nosos máis que evidentes prexuízos lectores. E xa non podemos revelar máis.

Sen dúbida, estamos ante unha novela luminosa, coa que as lectoras e lectores van empatizar, que admite diversos niveis de lectura, e que, en definitiva, está escrita con felicidade, coñecemento e moita luz.

Para o xurado, a novela resulta ponderada e equilibrada no seu conxunto, escrita a partir de capítulos curtos, con episodios ás veces simpáticos e ás veces xeniais, capaz de integrar unha trama implacable coa tradición máis notable de versos en galego e occitano, e sen renunciar, por iso, a achegar á lectura unha paisaxe ateigada de humor. Unha novela para celebrar e disfrutar.»

Santiago Lopo declarou cando coñeceu que fora premiado que «A arte de trobar é unha novela que acontece no século XIII. Nela, unha troupe de artistas procedentes de Galicia percorre os camiños dunha Europa inmersa en duras loitas de poder. É un momento de cambio político, cultural e lingüístico. As persecucións relixiosas e as ansias expansionistas coinciden co auxe das cantigas galaico-portuguesas e co declive da lírica provenzal. Realizada con sumo rigor histórico, a obra posúe unha trama con grandes doses de intriga e constitúe un vibrante fresco desta nosa historia, escrita en follas de pergamiño á beira do mar.»

Deixa un comentario!