Menu Xerais

A relevancia da lectura: «Un mundo de palabras», de Agustín Fernández Paz. Crítica de Ramón Nicolás

O crítico e escritor Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da crítica unha recensión sobre o libro Un mundo de palabras, de Agustín Fernández Paz.

 

Un mundo de palabras, de Agustín Fernández Paz

Pecha un con emoción a derradeira páxina deste libro. Con emoción porque durante unhas horas Un mundo de palabras posibilitou o reencontro co escritor, co lector, co docente, co pedagogo e co ser humano. E non é pouca cousa cando se fala de Agustín Fernández Paz, para min e para todas as persoas que chegaron a el pola lectura, pola docencia ou polos libros e que tiveron a fortuna de tratalo.

Isabel Soto, responsable da ordenación do material deste libro póstumo, é tamén a autora dun prólogo luminoso e exacto que decidiu titulalo con estas palabras “O legado dun lector: memoria e experiencia nas aulas”. En efecto, velaquí a memoria dun lector, dun lector por convicción, que aínda ten tanto que ensinarnos porque entendeu a lectura como fonte de pracer e de coñecemento.

O libro articúlase como unha compilación de textos diversos unidos, nesta ocasión, por ese fío común que é a relevancia depostida na lectura e sobre todo na lectura literaria: esa batalla cotiá na que aínda hai tanto que facer.  Desvélase aquí, como non podía ser doutro xeito, a memoria do Agustín lector desde neno onde esa experiencia sería fundamental para a súa vida como escritor: “escribo porque leo, porque ler e escribir son dúas actividades inseparables, como as dúas caras dunha moeda”. Mais ao tempo xúntanse textos de carácter máis teórico sobre a lectura que definen de seu a enorme bagaxe que o autor foi acumulando ao longo dos anos e, talvez o que resulta máis relevante, a vontade que sempre atesourou por contaxiar a paixón pola lectura, tamén como docente, incorporándose así os testemuños da súa propia experiencia como mediador e prescriptor de lecturas neste ámbito.

Velaquí, en definitiva, o pensamento de Agustín no que atinxe á lectura, á súa promoción, á verdadeira relevancia que esta posúe na formación das persoas e na vida en xeral. Desde estas páxinas, un ano despois do seu falecemento, Agustín segue a iluminar un camiño con claridade e precisión como o mestre xeneroso e inesquecible que sempre foi, como o narrador excepcional que aínda hoxe nos segue sorprendendo e que seguimos querendo.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!