Menu Xerais

Aventuras, ecoloxía e denuncia do rascismo: «O camiño da Estadea», de Ramón Caride. Crítica de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en tránsito unha recensión crítica sobre  a novela O camiño da Estadea, de Ramón Caride.

 

Fin das aventuras de Saíd e Sheila 

Produce unha emoción especial dar a despedida a unha serie de novelas, novelas e relatos neste caso, particularmente se esa serie é a que encetou un camiño que despois transitarían outros autores. Saíd e Sheila, con Perigo vexetal estrearon unha fórmula que, case sempre da man de Xerais, deu e dá moitas alegrías aos preadolescentes galegos.Amancio Amigo (Xosé Miranda), O brindo de ouro (Xesús Manuel Marcos), Irmán do vento e Flor de area (Manuel Lourenzo), Os sabuxos e Un misterio para Tintimán (Jaureguizar), Dragal (Elena gallego), Ámote Leo A (Rosa Aneiros), Os Megatoxos (Anxo Fariña. Inicialmente en ANT) ou Formig4s (Pere Toaruela e Andrés Meixide) son boa mostra de canto vimos dicindo. Mais hoxe toca dicir adeus a Saíd e Sheila, por un proceso natural, Saíd conta 20 anos e Sheila 18, xa deixaron atrás a adolescencia, xa son adultos aínda que no tocante ás emocións O camiño da Estadea siga obedecebdo aos principios agardábeis nunha novela para adolescentes, lectorado ao que está destinada en principio aínda que admite unha moi necesaria lectura adulta. Moi necesaria porque a serie de Saíd e Sheila ponnos en contacto cunha chea de problemas medioambientais moi a ter en conta por quen se preocupe polo futuro que herdarán os nosos fillos.

Nesta ocasión, Saíd traballa como investigador en Suíza e ten unha parella chamada Irina, que tamén será protagonista da aventura como acompañante. Mentres, Sheila segue no seu muíño de Loreda. E xuntaranse para asistir á inuguración dun megacentro comercial no corazónde África. Alí, en Bambari, coñecen a Enu e Anahí. E o misterio aparecerá cando morra o pai de Enu en estrañas circunstancias. Ese é o incicio de todo. Pouco a pouco irán tirando  do feble fío da sospeita de que non foi un accidente, pouco a pouco irán desennobelando unha trama criminosa con valores ecolóxicos. Valores, esa é a palabra clave. Porque os valores humanos son fundamentais neste tipo de textos. A amizade, o compañeirismo, a fidelidade, o racismo salientan nesta novela de formación, porque en definitiva é iso, unha novela de formación que remata a serie porque remata a formación de Saíd e Sheila, para o cal Sheila deberá atopar parella, cousa que fará nesta ocasión.

 En boa parte da novela, esta denuncia o racismo a partir da personaxe de Atuanya fundamentalmente, familia de Enu. Mediante o recurso do manuscrito encontrado faise un percorrido pola historia da liberación da escravitude. Un percorrido que non é todo o optimista que se podía agardar, se cadra, porque deixa en evidencia que aínda non foi de todo superado, non podemos dicir que deixara ser un problema para o ser humano. Mais se hai un tema transversal que vai emerxendo aos poucos, ese é o do amor. Un amor mal correspondido, no caso de Enu e Anahí; un amor correspondido no caso de Saíd e Irina; un amor que aparecerá no caso de Sheila. Porque, ben trascorrido o século XXI, as necesidades afectivas seguen sendo universais e as mesmas que nos comezos de século, cando se le esta aventura futurista. Pois como no caso das outras aventuras de Saíd e Sheila, un percorrido polas cales se realiza no comezo do discurso, esta tamén é unha aventura futurista, que transcorre no cuarto final do século XXI.

E como no resto de aventuras de Saíd e Sheila, os valores ecoloxistas tamén están presentes se ben non ocupan o primeiro plano deica o remate, cando  o misterio da morte de Atuanya, pai de Enu, se soluciona despois de a trama trouxera os protagonistas a Lugo, onde coñecen un caso de trata de persoas para a prostitución e onde o avó de Enu, tamén chamado Atuanya, coñeceu o amor personificado en Sadi. Como sempre no caso das aventuras de Saíd e Sheila, o lector debe efectuar un contraste entre a sociedade futura, con considerábeis adiantos tecnolóxicos, e a sociedade en que vive o propio lector, unha sociedade na cal os problemas ecolóxicos ocupan un lugar preponderante por moito que algúns queiran descrer deles. Este exercicio de contraste, moi pretendido en toda esta serie de aventuras, é un dos principais valores porque persegue unha concienciación dos problemas ecolóxicos nos nosos lectores preadolescentes. Un saber como está o mundo e cara a onde o levamos, cal vai ser a herdanza medioambiental que deixemos aos nosos fillos por ver se eles toman meirande conciencia e non fan tanto oídos xordos como os adultos.

Non deixa de producir mágoa que as aventuras de Saíd e Sheila chgeuen á súa fin, foron moitos bos momentos os que pasamos xuntos, e, se cadra, Ramón Caride aínda os retoma nalgunha ocasión, esa esperanza sempre nos quedará, mais sempre é mellor que as cousas decanten polo seu propio ser que mantelas artificialmente, e neste caso chegou para Saíd e Sheila o momento seren adultos.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!