Menu Xerais

Bases da XXXVI edición do Premio Blanco Amor de Novela Longa

Reproducimos as BASES da XXXVI edición do Premio Blanco Amor de Novela Longa, que convoca a Deputación Provincial de Ourense:

 

Primeira.- Poderán participar nel todos os autores e autoras que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.

Segunda.- As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos, ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos.

Terceira.- As obras presentadas terán que ser inéditas.

Cuarta.- De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Deputación de Ourense, rúa Progreso n.º 32, 32003 Ourense, facendo constar no exterior “Para o XXXVI Premio Blanco-Amor”. Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.

Quinta.- O prazo de admisión dos orixinais rematará o xoves 14 de setembro de 2017, cento vinte aniversario do nacemento en Ourense de Eduardo Blanco-Amor.

Sexta.- O xurado do premio será nomeado pola Deputación de Ourense. Estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega. Facúltase ao xurado para a interpretación e integración das posibles lagoas nas presentes bases en todo o relativo á concesión do premio.

Sétima.- O premio estará dotado con 12.000 € e unha obra escultórica.

Oitava.- O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado.

Novena.- O xurado reunirase con tempo suficiente antes da entrega do premio e fará pública a súa decisión, perante os medios de comunicación.

Décima.- A concesión do premio implicará a cesión ao autor dos dereitos da primeira edición en lingua galega da obra. A dita edición deberá realizarse nun prazo máximo dun ano dende a data da entrega do premio, quedando sen efecto a cesión no caso de que no dito prazo non se leve a cabo.

O gañador deste premio comprométese a participar en cantas presentacións do libro lle requira a Deputación de Ourense, ata un máximo de dez.

As obras non premiadas devolveránselles aos/ás autores/as que o soliciten nun prazo dun mes contado dende o día do veredicto. En caso de non recollerse dentro deste prazo os orixinais serán destruídos.

Décimo primeira.- A entrega do premio terá lugar nun acto literario organizado pola Deputación de Ourense, o venres 1 de decembro de 2017, trinta e oito cabodano do autor de A Esmorga.

Décimo segunda.- O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan as presentes bases.

Deixa un comentario!