Menu Xerais

Cabodano do escritor que formou lectores literarios nos centros de ensino

Os xornais El Progreso e Diario de Pontevedra publicaron unha reportaxe de Marta Veiga sobre Agustín Fernández Paz. (Foto de Andrea Costas).

 

Cabodano de orfandade nas letras

Cúmprese un ano do pasamento do escritor chairego Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947), un dos autores máis carismáticos, queridos, lidos e prolíficos da literatura galega das derradeiras décadas do século XX e do que vai de terceiro milenio. A súa pegada permanece intacta entre lectores e colegas

“Fernández Paz lo que hacía no eran relatos o novelas para público infantil o juvenil, como sugieren sus urgentes biógrafos, sino sutiles bombas implosivas para activar en los colegios”. Dedicáballe estas palabras ao narrador de Vilalba poucas horas despois do seu pasamento, o 12 de xullo de 2016, o xornalista Aníbal Malvar. Tras unha ducia de meses de dó, o seu amigo e editor Manuel Bragado, á fronte de Xerais, incide en que unha das grandes teimas que moveu a vida prematuramente truncada de “Agus” foi o dereito da rapazada toda a formarse como “lectores literarios” desde as escolas e os institutos.

Está certo Manuel Bragado de que a pegada de Fernández Paz está moi presente entre os seus coetáneos, os denominados Xeración Lamote. Coma o lugués Paco Martín e o tamén chairego Xabier P. Docampo, como Fina Casalderrey ou Concha Blanco, Agustín Fernández Paz chegou á literatura desde o maxisterio, desde a elaboración de materiais escolares para os nenos e os mozos que por primeira vez tiñan a oportunidade de estudar e ler na súa lingua materna en Galicia.

“Co tempo foi gañando terreo a súa pulsión como narrador nato. No tempo de entre séculos xa temos un escritor cunha narrativa que se caracteriza pola limpeza, por un labor minucioso de depuración ata acadar, como dicía Cunqueiro, ese texto fluído coma a auga cristaliña”, di Bragado.

O editor de Xerais, que vén de publicar o volume Un mundo de palabras, que reúne ensaios sobre a literatura do desaparecido literato chairego, lembra que o coñeceu hai 32 anos, cando Bragado dirixía a Revista Galega de Educación. Xa daquela Fernández Paz, que levaba unha sección sobre as posibilidades didácticas das bandas deseñadas, era un pioneiro.

“Na súa obra narrativa están as súas inquedanzas como lector de cómics, como cinéfilo que vía unha película cada noite e que deixou milleiros de DVD na súa biblioteca persoal…”. Engade Bragado para exemplificar a amplitude de miras de Fernández Paz que cando quixeron acoutar a temática do Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Agustín Fernández Paz, que convoca Xerais co Instituto de Estudos Chairegos e o Concello de Vilalba -este mércores é o derradeiro día para recibir orixinais-, tiveron que pensalo un pedazo.

“Queriamos algo que fose moi característico de Agustín e, a verdade, que nunha obra moi ampla, de máis de medio cento de publicacións, foi un autor de tocar varios xéneros e subxéneros: estaba a intriga, o terror e o medo, pero tamén a memoria, había obras de ciencia ficción e outras máis realistas, as que amosan preocupación social e polo medio ambiente…”, enumera Bragado.

Finalmente, o premio vilalbés terá como motivo a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. A elección ben podería ter sido outra.  Este martes, os equipos de dinamización lingüística do instituto de Salvaterra de Miño entregaron os galardóns do primeiro Certame de Relato Fantástico Agustín Fernández Paz.

A primeira vez de Ledicia Costas con Agustín Fernández Paz foi Cartas de inverno, un dos grandes supervendas contemporáneos da literatura en galego. “Non lembro ben se foi en primeiro ou en segundo de BUP, pero eu, que daquela lía literatura estranxeira traducida ao castelán, decateime de que había autores que escribían libros en galego que a min me interesaban”.

Desde aquel “número 6 da colección Fóra de Xogo de Xerais”, Costas seguiu como lectora a Fernández Paz, fascinada polo arrecendo lovecraftiano de tantas das súas obras. “Foi tamén dos primeiros en facer unha aposta real pola visibilización das mulleres na ficción, algo que non era tan habitual nos autores da súa xeración”, sostén Costas sobre títulos como Rapazas, un compendio de relatos curtos en feminimo plural.

Esta escritora viguesa, a derradeira cidade de residencia de Fernández Paz, sostén que o escritor do que este mércores se cumpre o seu primeiro cabodano é un dos grandes responsables de que a literatura infantil e xuvenil galega estea indefectiblemente asociada á calidade alén do telón de grelos. ” ‘Que ben escribides os galegos; que bos sodes’, son cousas que me din cando participo en feiras fóra de Galicia e o nome de Agustín é un dos que sae máis axiña nas conversas”, exemplifica Costas.

Os lindes entre que obras son para nenos e cales teñen público adulto son difusos. “Os libros que me interesan son aqueles que, aínda que sexan para os máis pequenos, podo lelos sen ter que esquecer que son un adulto”, dicía o propio Agustín Fernández Paz.

Costas, merecedora do premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil -o quinto para unha obra escrita en galego- coida que o que lle deu esta distinción a Agustín Fernández Paz, O único que queda é o amor, é unha “lectura marabillosa para persoas adultas”.

A crítica que lle fixo a este volume de relatos curtos o booktuber lugués Sebas G. Mouret, responsable da exitosa canle El Coleccionista de Mundos, pasou en pouco tempo das vinte e mil reproducións. Mouret louva a “intensidade lírica e a fermosura sen comparación” que acada Fernández Paz como autor en lingua galega e recoméndalle aos seus centos de milleiros de seguidores de ambas as beiras do Atlántico que teñan “a sorte” de ler en galego de achegarse a este texto no seu idioma orixinal. O único que queda é o amor, di, “é un libro para ler unha e outra vez, cando un xa non cre no amor”. Son “historias conmovedoras que rouban o alento e que lle teñen que gustar a calquera”.

Manuel Bragado comenta que Fernández Paz sempre foi quen de estar ao día, conectado coas xentes máis novas. “Escribía unha bitácora en internet e era moi activo no Twitter”. Considera o editor que a súa pegada aínda se vai ver nos vindeiros anos, sobre todo, naqueles que el chama “a Xeración da Esperanza”, os que comezaron a escribir en galego arredor do ano 2000. Na actualidade, os responsables do blog 21 Días en Galego do instituto da Pobra do Caramiñal levan máis dunha trintena de entradas en LendoaAgustin.blogspot.com.

Ledicia Costas, nacida en 1979, foi primeiro unha desas lectoras engaioladas como Sebas G. Mouret e, despois, colega, compañeira de letras, de Agustín Fernández Paz. “Foi un home dunha xenerosidade extraordinaria. Caracterizado pola honestidade”. Coa literatura, coa lingua e coa rapazada. “Teño gravada unha frase que me dixo: ‘Escribir en galego custa máis traballo. É máis difícil chegar. Pero paga a pena’ “.

Marta Veiga

Deixa un comentario!