Menu Xerais

«Ceiba de Luz» de Manuel Lourenzo, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2017

O xurado da IX edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 19 obras, formado por Xabier Campos Villar (profesor de lingua e literatura no IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa e autor de libros de texto), Mar Montenegro Prado (profesora de lingua e literatura no IES Politécnico de Vigo), Yaiza Peixoto Sánchez (profesora de educación infantil no CEIP Serra-Vincios de Gondomar e Vicepresidenta de Espazo Lectura), Inés Fernández Prieto (alumna de 1º de bacharelato no IES Otero Pedrayo de Ourense), Manuel Loureiro Giráldez (alumno de 2º da ESO do IES Auga da Laxe de Gondomar e membro do Comando Le de Espazo Lectura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Belinfante», «Ceiba de Luz» e «NS». Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Ceiba de Luz», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Manuel Lourenzo González e corresponde ao título «Ceiba de Luz».

Manuel Lourenzo González

Manuel Lourenzo González (Vilaboa, Pontevedra, 1955) é licenciado en Pedagoxía e catedrático de Lingua Galega e Literatura. Como escritor, publicou os libros de relatos para adultos Algúns outros (1991), Da esfinxe (1992), As paisaxes compartidas (1996, premio Carvalho Calero), Noites de papel (1997, premio Café Dublín), Infidelicidades (2002, premio Narrativas Quentes), e as novelas Arqueofaxia (1995, premio Manuel García Barros; Xerais), O xardín das pedras flotantes (2008, premio Xerais), Atl (2012, premio Blanco Amor de Novela, 2011, Xerais) e Cegoñas ao fondo da ría (2015). No ámbito da literatura xuvenil, é autor das novelas No outono das fragas (1995), Tanis I o Mocos (Xerais, 1998), O que é a vida (Xerais, 2001), Estanislao, príncipe de Sofrovia (Xerais, 2002), Irmán do vento (2003, premio Merlín e premio Frei Martín Sarmiento, Xerais), Ela atopa un nome (2005), Unha pantasma no colexio (2006), O día despois do día (2007), Mundo Arb (2011, premio O Barco de Vapor) e Flor de area (2013, Xerais) algunhas das cales foron traducidas ao castelán.

 Como autor de libros infantís, publicou Animais de compañía (1998, seleccionado para o catálogo White Ravens 2000), O patadón (2001, Xerais), Piñeco (2004) e unha versión do clásico A leiteira (1999). No campo do teatro, é autor de Auto do Entroido (1995, premio O Facho) e A música da noite (2001, premio Estornela). Asemade, ao longo destes anos participou en numerosos libros colectivos, como Muralla de Cresconio 2, Galicia Solidariedade, Premios Pedrón de Ouro 1990-1991, Unha liña no ceo. 58 narradores galegos, Novo do trinque, Contos de chistes, portas e sorrisos, Educación e Paz III. Literatura galega pola paz, Limiaxinacións, e en publicacións periódicas, entre as que destacan as súas colaboracións na revista de humor «Retranca» (anos 2007- 2010). É coautor de libros para o ensino da lingua e a literatura na ESO (Xerais, 1995- 1998) e autor de artigos e textos de moi diverso carácter.

No seu ditame, o xurado da IXª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil sinalou o seguinte:

 «O achado nunha tenda de antigüidades dunha pequena estatuíña humana, de ouro macizo e de fasquía precolombina, é o motivo que desencadea a organización da expedición Ceiba de Luz por parte da Universidade de Salamanca no mes de maio de 2007. Comandado pola profesora de Historia Sandra Olivares, un grupo heteroxéneo formado por dezaoito persoas, entre elas dúas galegas, embarcarase na aventura de chegar ao mítico Eldorado a través da selva amazónica no Perú. Aí, no curso alto do río Marañón, tentarán descubrir as culturas taimahuara e arapanac, ás que se lles atribúe a peza escultórica atopada.

 Ao longo dos máis de dous meses que ocupa o tempo da historia, os integrantes de Ceiba de Luz, especialistas en moi variadas disciplinas (historia, xeografía, topografía, botánica, medicina, culturas e linguas indíxenas, xornalismo, informática, cociña…) atravesan a selva ata chegar á antiga cidade de Haripari, poboada por uns seres humanos pasivos e melancólicos que os membros da expedición alcuman como «pasmóns». A prolongada convivencia entre os personaxes acabará provocando liortas, intrigas e traizóns, pero tamén relacións de amizade, amoríos e morte.

 Ao longo de trinta capítulos, o narrador omnisciente da novela vainos conducindo de xeito lineal e con extrema axilidade ata un final sorprendente, por máxico e inesperado. Ademais doutros moitos aspectos que se poderían destacar, o xurado do IX Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2017 acordou declarar como gañadora a obra Ceiba de Luz pola habelencia do autor ou autora no manexo dos recursos narrativos, por unha perfecta dosificación da intriga, pola viveza dos diálogos, pola evolución psicolóxica dos personaxes e tamén pola vizosidade das descricións, que espertan os sentidos das persoas lectoras e que as insiren no ambiente, por veces abafante, da selva amazónica. O excelente tratamento dunha natureza virxe e dunhas tradicións e culturas ancestrais, convértenas nas verdadeiras protagonistas da obra, impoñéndose así ao egoísmo e individualismo da sociedade en que vivimos.»

Manuel Lourenzo González explicou que «a historia de Ceiba de Luz é a dunha expedición arqueolóxica formada por dezaoito persoas, estudantes e especialistas de distintos ámbitos, que emprende unha viaxe por unha rexión inexplorada da Amazonía peruana á procura dos restos dunha primitiva cultura. Mais algúns dos seus membros teñen obxectivos propios, que van da cobiza pirata duns ao delirio místico doutros, o que converterá a viaxe, nun medio descoñecido e moitas veces inhóspito, nunha mera loita pola supervivencia.»

 «Ceiba de Luz é unha novela que encaixa no canon do relato de aventuras no eido da experiencia científica, polo que acae perfectamente ao universo de Verne que lle dá nome ao premio, cunha trama marcada pola intriga policial e cun achegamento ao fantástico lovecraftiano. Asemade, dexérgase un retrato da condición humana en situacións límite lonxe do paraugas protector da civilización.»

Deixa un comentario!