Menu Xerais

Distopía e ciencia ficción con tintes sociais: «4_xinetes», de Anxo Fariña. Anotación en Brétemas

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a presentación da novela 4_xinetes, de Anxo Fariña.

 

 

Presentación de «4_xinetes» en Vigo

XG00270701Nin sequera a eliminatoria europea do Celta disuadiu onte aos seguidores de Anxo Fariña que acudimos á presentación de 4_xinetes a súa máis recente novela, publicada simultaneamente en galego por Xerais e en castelán por Anaya Infantil y Juvenil. Foi a editora de Xerais Anaír Rodríguez quen glosou unha obra que cualificou de “fantástica e para todas as idades”. Comezou Anaír lembrando o currículum de Anxo Fariña, “escritor e ilustrador das súas propias historias e series”. “Hai dez anos publicou o primeiro libro da serie os Megatoxos, catro rapaces na procura de cura para a súa mutación, a piques Xerais de publicar a súa sexta entrega. Máis tarde obtivo o Premio Merlín de literatura infantil por A chave da Atlántida, onde continuaba mesturando mitoloxía e aventura. Máis recentemente aborda obras nos límites imprecisos da narración de persoas adultas, o que internacionalmente se coñece como xénero de Young Fiction, historias que ofrecen diversos niveis de lectura en función da idade e madurez dos lectores e lectoras. Aí encadranse Horizonte de sucesos, unha historia perturbadora que fai reflexionar sobre os riscos de menores internados, e 4_xinetes, a novela que hoxe presentamos.”

Anaír Rodríguez recomentou 4_xinetes a todos os afeccionados á ciencia ficción e ás distopías con tintes sociais. “Catro protagonistas, dous rapaces e dúas rapazas de diversos puntos do planeta, catro xinetes do apocalipse que non se coñecen e que se comparten o feito de ser usuarios da rede social Mysoul e de atoparse no zigurat de M-Babilon, enfróntase a difíciles dilemas. A descrición moi coidada dos ambientes permite descubrir as diversas pezas da historia e dos poderes que se agochan detrás dos catro xinetes. Mais sobre todo os grandes dilemas morais aos que deben enfrontarse: o valor da propia vida, os límites da liberdade persoal, a lexitimidade do uso da violencia ou a morte como final e principio da vida, entre outros”. “Estamos diante, tamén, dunha novela espello, xa que nesa realidade futurista atopamos moitas características da sociedade actual, tecnolóxica, globalizada e gobernada por poderes intanxibles, persoas moi conectadas que expresan o seu desacougo”.

Manuel Bragado

Deixa un comentario!