Menu Xerais

Divulgar a ciencia en galego: unha gran colección de contidos científicos

Diversos medios de comunicación, blogs e as redes sociais recollen con amplitude a nova colección Básicos Ciencia que Xerais presentou onte e na que participaron Manuel Bragado, director de Xerais, para quen a colección ten «unha clara intención normalizadora»; Miguel Vázquez Freire, director da colección, que lembrou os prexuízos ligados á divulgación de contidos científicos en galego, cando «algunhas voces aseguraban que o galego non era unha lingua idónea para transmitir contidos científicos», así como os autores dos tres primeiros libros: o catedrático de Bioloxía e Xeoloxía Daniel Soutullo, especializado en bioética, co seu libro Historia do ADN, 40 anos de revolución biotecnolóxicaAntón Labranha, catedrático de Matemáticas no IES San Clemente e profesor de Didáctica da Matemática na USC, co seu libro O universo matemático. Das ideas e das técnicas; e Xurxo Mariño, outor en Ciencias Biolóxicas especializado en Neurofisioloxía e profesor do DepartamenReproducito de Medicina da Universidade da Coruña, co seu libro Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, que se edita tamén en castelán para a súa distribución exterior.

 

Reproducimos algunhas das ligazóns aos medios que falan da nova colección:

 

Historia do ADN, 40 anos de revolución biotecnolóxica, de Daniel Soutullo

Este libro trata sobre os principais acontecementos na historia do ADN, desde o seu descubrimento, no século XIX, até as investigacións máis recentes, nos albores do XXI. Tamén aborda a revolución biotecnolóxica desencadeada polo coñecemento da súa estrutura e pola capacidade de manipulalo case a vontade a partir dos anos setenta do século XX. Estes acontecementos, de grande importancia científica e social, están influíndo, e influirán moito máis no futuro, na vida e na saúde das persoas. O libro, escrito nun estilo claro e ameno, diríxese a un público amplo, sen necesidade de coñecementos previos de xenética, mais con curiosidade por achegarse a ela con rigor, fuxindo de simplificacións que poidan empobrecer a comprensión do seu significado.

 

O universo matemático. Das ideas e das técnicas, de Antón Labranha

Este libro desenvolve un amplo abano de contidos matemáticos seleccionados a partir daqueles que conforman os currículos do bacharelato, intentando poñer de manifesto cales son os seus fundamentos, o porqué da súa pertinencia, que rol desempeñan na ciencia e na cultura, que procesos conduciron á súa creación e como evolucionaron. Adóptase unha perspectiva construtiva e contextualizada, cun teor narrativo: a carreira de Aquiles e a tartaruga, o voo de Ícaro, o enigmático número pi, un enredo na compra de entradas, apostas nunha lancha de Marín, á procura dos átomos, anelando paxaros, as ondas sonoras, paseando por Monforte, chegarmos á simplicidade a través da complexidade, doazón de órganos, no niño do paxaro carboeiro, matriculando coches…

 

Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño

Este é un libro de viaxes convertido nunha aventura de divulgación científica, o relato dun periplo de once meses arredor do planeta Terra no que se mesturan as anécdotas que van xurdindo ao longo das distintas etapas coas descricións da ciencia que hai detrás dos espectáculos que a natureza lles vai amosando aos viaxeiros: illas volcánicas en plena formación, desertos aos que non se lles albisca a fin, termiteiros xigantes, glaciares de cor azul que roxen coma monstros, raposos voadores e quilómetros, moitos quilómetros de percorrido polo mar, o aire e os revirados camiños dun planeta observado cos ollos atentos e cheos de curiosidade de Xurxo Mariño. Como indica o escritor Xavier Queipo no limiar, «cada capítulo, cada etapa, cada anécdota é unha porta aberta aos sentidos e ao coñecemento, unha incitación á observación da natureza e, en particular, á natureza humana coma se se tratase dunha introdución á historia natural e de etnografía comparada».

 

Hai 1 comentario. Engade o teu.

Deixa un comentario!