Menu Xerais

Francisco Coimbra, autor de «Crónica Córnica» deu a conferencia inaugaral dos Cursos de lingua e literatura galegas

A web da Real Academia Galega publicou unha información sobre Francisco Coimbra, finalista do Premio Xerais de Novela 2016 con Crónica Córnica.

 

O ex-alumno que regresou aos Cursos Galego sen fronteiras cunha novela na nosa lingua

Francisco Javier Calvo del Olmo (Madrid, 1986), coñecido literariamente como Francisco Coimbra, foi en 2010 estudante do Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”. A experiencia marcouno non só como investigador, senón tamén como escritor: en 2016 foi finalista do Premio Xerais con Crónica córnica, novela coa que colleitou unha boa acollida tanto por parte da crítica como do público. Esta semana volveu ás aulas dos cursos que organiza a RAG, desta volta para impartir a conferencia inaugural da última edición.

Francisco Coimbra é na actualidade profesor no Departamento de Linguas Estranxeiras Modernas da Universidade Federal do Paraná, na cidade de Curitiba (Brasil). Na súa intervención ante o alumnado procedente de máis de vinte países abordou as dificultades e os atractivos que atopou na lingua e na cultura galegas. O investigador e novelista salientou que o galego é unha chave que abre un espazo cara á comunicación entre xentes de orixes diversas, alén das meras fronteiras xeográficas de Galicia.

O conferenciante animou ademais o alumnado a tomaren a palabra e implicárense de cheo na experiencia que vivirán ata o vindeiro 24 de xullo cando se clausure a que é a trixésima edición dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”.

Deixa un comentario!