Menu Xerais

Novidade: «Corredora», de María Reimóndez. Unha historia colectiva de superación deportiva a pesar da fame e da guerra

Corredora, de María Reimóndez, é unha novidade da colección Fóra de Xogo de Xerais.

Genet Mullugueta naceu nunha aldea de North Wolloh en Etiopía. Dende noviña o que máis lle gustaba era correr e correr polo ventre da montaña. Mais a fame, a guerra e a figura do pai obrígana a acompañar a súa nai e a pedir esmola polas rúas inseguras e caóticas de Addis Abeba. Alí, vendendo panos nos cruzamentos, Genet coñeceu a Abebe, un médico e voluntario da federación de atletismo que, sorprendido coa súa resistencia e velocidade, lle propón adestrar en Meskel Square. Dende entón, a súa vida mudará, como a doutras nenas, mozas e mulleres etíopes que corren contra si mesmas sen fin.Corredora é unha historia colectiva de superación deportiva. Recolle a tradición atlética de Etiopía na busca activa de talentos entre as crianzas do rural ou empobrecidas nas cidades.

 

 

 

María Reimóndez é tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción. O seu primeiro libro publicado foi o poemario “Moda Galega” (2002), ao que regresou nunha reescrita dez anos máis tarde en “Moda Galega reloaded” (2013) e posteriormente publicou “kleinigkeiten/cousiñas” (2013) e “Presente continuo” (Xerais 2013). Como narradora, é autora das seguintes novelas: “O Caderno de Bitácora” (2004), premio de novela Mulleres Progresistas 2003; “O club da calceta” (Xerais 2006), finalista do Premio Xerais de Novela 2005, Premio Arcebispo San Clemente 2007, traducida ao castelán, italiano e francés, e adaptada á escena por Teatro do Morcego e ao cine por Ficcións; “Pirata” (Xerais 2009), traducida ao italiano; “En vías de extinción” (Xerais 2012), traducida ao castelán; “Dende o conflito”, (Xerais 2014) coa que gañou o XIV Premio Xerais de Novela; “A música dos seres vivos” (Xerais 2015); e “A dúbida” (Xerais 2016), coa que gañou o XIV Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas. No ámbito da literatura infantil é autora de “Usha” (Xerais 2006), finalista do Premio Merlín 2005; “Lía e as zapatillas de deporte” (Xerais 2008); “O monstro das palabras” (Xerais 2009); “Volvo! O regreso de Usha” (Xerais 2014); e “Corredora” (Xerais 2017). Como ensaísta publicou “A alternativa está aquí” (Xerais 2014) e, en coautoría con Olga Castro, o libro “Feminismos” (Xerais 2013). En 2015 a AGE concedeulle o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor/a do ano. É fundadora da organización non gobernamental de cooperación ao desenvolvemento Implicadas/os no Desenvolvemento, que leva traballando desde o ano 1998 na India e en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable. O seu relato “A esencia da cidade” pode ser descargado en pdf.

Deixa un comentario!