Menu Xerais

Novidade: «Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro», de Xosé Mª Lema. Unha gran novela de aventuras

Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé Mª Lema, é unha novidade da colección Fóra de Xogo.

Un tradutor recibe un manuscrito no que un descoñecido escritor en lingua inglesa narra o regreso ó porto de Bristol da goleta Hispaniola, cargada cun fabuloso tesouro. Tal viaxe de volta non fora tan breve como a describira Robert L. Stevenson no derradeiro capítulo d’A Illa do Tesouro, pois unha violenta tormenta obrigou o navío a buscar refuxio nunha baía da galega Costa do Solpor.Un espía da Confraría da Man Morta, decatándose da importancia da carga do barco inglés, marcha á Coruña para dar aviso ó capitán dun bergantín pirata fondeado nese porto. Da abordaxe que sufrirá a goleta só se salvará o seu grumete, Jim Hawkins, que logra chegar á costa a nado. Os piratas perseguirano, pero o rapaz farase amigo dun mozo e unha moza galegos, o Chavián e Mariña, que tratarán de liberar a goleta asaltada e salvar os seus tripulantes dunha morte certa mediante un plan moi arriscado. Unha gran novela de aventuras ambientada no século XVIII na cidade da Coruña e na costa galega, que empeza onde remata A Illa do Tesouro. A homenaxe galega a grande obra stevensoniana.

 

 

 

 

Xosé Mª Lema Suárez (Bamiro-Vimianzo 1950) é doutor en Historia de Arte e foi catedrático de ensino secundario. Membro correspondente da RAG (2002), é autor de publicacións de temática diversa (historia, historia da arte, etnografía, lexicografía e onomástica) en forma de artigos en revistas, prensa e en libros coma: «Bamiro. Un estudio do hábitat rural galego» (1977, Pedrón de Ouro de Etnografía 1976); «Lingua Galega 1º (FP-1)» (1982); «Historia do C.D. Baio e da Liga da Costa» (1989); «A Arte Relixiosa na Terra de Soneira» (Premio Losada Diéguez de Investigación 1993); «Un novo documento de D. Juan Antonio Posse: a “Plática Tercera (1838)”» (1998). En solitario ou en colaboración publicou: «O castelo de Vimianzo e os Moscoso de Altamira» (1998), «Arquitectura megalítica da Costa da Morte» (1999), «Os mellores pazos da Costa da Morte» (2001), «Os faros da Costa da Morte» (2001), «O conxunto etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín» (2007), «Onomástica histórica dunha parroquia galega: “Berdoias (1607-2000)”» (2006), «O hórreo atlántico ou fisterrán» (2010), «A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte» (Xerais, 2010), «Iconografía xacobea nas igrexas e santuarios da Costa da Morte» (2011), «Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte» (2012). É coautor dos dicionarios de Edicións Xerais de Galicia: «Dicionario Xerais da Lingua» (1985), «Pequeno Dicionario Xerais» (1989), «Gran Dicionario Xerais» (2000) e do «Diccionario dos Nomes Galegos» (1992), dirixido por Ferro Ruibal. Foi recoñecido co Premio Reimóndez Portela 2010 por varios artigos a prol da lingua galega. Como narrador publicou «Costa do Solpor (Xerais Narrativa 2013), Premio da Crítica Galicia de creación literaria 2014, e «Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro» (Xerais Fóra de Xogo 2017).

 

Deixa un comentario!