Menu Xerais

Raúl G. Pato: «Cando escribes poesía para nenos, tes que entrar no seu universo e amoldarte»

O xornal La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Marina SantalóRaúl Gómez Pato sobre o libro-CD de música e poesía infantil Cousas de papá, de Raúl Gómez Pato, con poemas musicados por Héctor Lorenzo Piñeiro e ilustracións de Blanca Barrio. (Foto de Martina Miser).

 

«Cando escribes poesía para nenos, tes que entrar no seu universo e amoldarte»

«Cousas de papá», de Raúl G. Pato, conta con dezasete poemas, algúns deles musicalizados e con ilustracións

Raúl G. Pato é o autor de «Cousas de papá», un libro infantil de dezasete poemas no que abunda a fantasía

—Tres artes representadas nun mesmo libro. ¿Qué motivou esa aposta?

—Eu quería escribir un libro relacionado co mundo infantil pese a que me parecía difícil non caer na rima fácil. A partir de aí, falei con Héctor, que é amigo meu; e con Blanca, coa que estudei no instituto, para que completasen a obra dunha forma moi libre. Non opinei no traballo de ningún deles, é absolutamente libre. Non se trata dun libro CD.

—A sorpresa foi que sumaran máis músicos…

—O feito de que Héctor lograse que se sumasen músicos de primeira fila como Uxía, Manolo Carballo e Sérgio Tannus enriqueceu enormemente o resultado.

—¿Qué sentiu ao escoitar os seus poemas musicalizados por primeira vez?

—Cando vou recitar un poema sempre digo que a música de Héctor o mellorou sustancialmente. Ao escoitalo por primeira vez, pensei que o poema estaba moi mellorado. Se a iso lle unimos as ilustracións, a sensación que tes como escritor é o dobre de gratificante.

—É profesor. ¿Len os nenos menos do que deberían?

—Na actualidade hai moitas actividades vinculadas coa lectura como os contacontos, que acostuman a estar cheas. Ao que non están acostumados, sen embargo, é a poesía. É curioso porque os nenos quédanse moito mellor cos versos. Pode verse nas cancións, facilítalles moito a tarefa de memorizar.

—¿Son un público esixente?

—Para min e moito máis difícil escribir para o público infantil. Se escribes para adultos falo pensando no teu propio universo pero cando escribes poesía para nenos tes que introducirte no seu universo e amoldarte. A maiores, os nenos teñen moi claro o que lles gusta e o que non.

—¿Cómo é o teu proceso de inspiración literaria?

—Non sei. Todos os días escribo, pero fagoo mentalmente, pensando nunha idea e desenvolvéndoa. No caso destes poemas o máis inspirador foron os meu fillos. Son os que, cun pequeno comentario, me deron a clave para tirar do fío e viaxar imaxinativamente.

Marina Santaló

Deixa un comentario!