Menu Xerais

Un álbum ilustrado que merece toda a nosa atención: «Sementes», de Sonia García Vidal. Crítica en Brabádegos

O blog de literatura infantil Brabádegos publicou unha recensión crítica sobre o álbum ilustrado (que se acompaña dun CD) Sementes, de Sonia García Vidal.

Sementes. A terra cóbrese dun manto estrelado

Ás veces no souto recibimos, non sempre, libros que xa vendo as capas nos sorprenden polo que imos atopar, non é sempre, non todos os meses, igual unha ou dúas veces ao ano. Xerais acaba de publicar un deses álbums ilustrados que merecen toda a nosa atención, magníficamente editado, coa tenrura expresa dunha semente que enraiza con coidado. Trátase dun álbum ilustrado titulado Sementes, de Sonia García, que contén un cd musicado por Álvaro Buxeiro. As cores do amencer, en tonos pastel, de grises e ocres, un reino afastado, gobernado pola prohibición, as cabezas rapadas, a uniformidade, agroma páxina a páxina, grau a grau. Nese mundo onde todas as habitantes se alimentan de pílulas, ninguén recorda como se sementa, está prohibido o alimentarse dos froitos e dos legumes que dá a terra, o seu recendo, o seu sabor.

O poder das imaxes, a calidade das ilustracións, a fermosura dese evoluír animal, as abelaíñas, os contrastes sitúan este álbum ilustrado nunha dimensión que nada envexa á da calidade do panorama europeo. Cremos con sinceridade que estamos diante dunha nova porta que se abre dentro da ilustración coma produto atemporal e para todos os publicos, xa que é un traballo que expresa unha historia que permite soñar e permite varias lecturas segundo a idade. A crítica social, a transgresión das normas, a alimentación e a calidade dos alimentos que inxerimos, o abandono do agro, o contacto coa terra e a inocencia e a temeridade dunha cativa que de xeito natural se atreve a cuestionar o artificial, o imposto, o convencional… fan da súa feitura o que nós pensamos que é o álbum ilustrado.

Para os preguiceiros, para os que senten e gozan do contado, da sensibilidade, este álbum ilustrado contén banda sonora, as preciosas imaxes cunha voz fermosa, a historia adobiada, con notas que abrollan de fondo mentres a nosa protagonista se decata de que espertar é posible.

Deixa un comentario!