Menu Xerais

Un álbum que brilla con luz propia e cuestiona o porqué das cousas: «Sementes», de Sonia García Vidal. Crítica de Ramón Nicolás

O crítico e escritor Ramón Nicolás publicou en Caderno da crítica unha recensión sobre o álbum ilustrado Sementes, de Sonia García Vidal, que inclúe un CD con banda sonora.

 

Sementes, de Sonia García

Gustoume este álbum ilustrado, acompañado dun cedé que incorpora a banda sonora a cargo de Álvaro Buxeiro, o conto locutado e a montaxe en vídeo. Sementes é a ópera prima de Sonia García que se responsabiliza tanto das ilustracións como do discurso narrativo.

O atractivo, ao meu ver, da proposta poida que se nuclee no feito de suxerir inmanentemente diferentes niveis de lectura e na sólida ancoraxe dun texto de filiación poética que non agocha o seu sentido simbólico e metafórico. A historia relatada protagonízase por unha personaxe que quere loitar contra o establecido, que cuestiona o porqué das cousas, o poder omnímodo da tecnificación e a cousificación do día a día cando aínda se lembran sabores, texturas e arrecendos.  É palmario, así, que se constrúe un libro afortunadamente telúrico sen vontade de agochar a transparencia de contaxiar unha mensaxe que se pode entender como un verdadeiro alegato a prol da liberdade e, por extensión, unha exposición descarnada do alleamento ao que estamos sometidos na nosa vida cotiá, sen esquecer esa fírgoa de esperanza do cambio que escintila como unha derradeira luz que aínda pode iluminar o futuro. Se cadra unha feliz relectura,  intensamente expresiva e en formato de álbum ilustrado, de obras clásicas onde as supostas distopías xa están aquí. Mais Sementes brilla con luz propia ao acompañarse de moitas doses de sensibilidade, reflexión e orixinalidade. Convido a coñecelo.

Hai 1 comentario. Engade o teu.

Deixa un comentario!