Menu Xerais

Unha nova mitoloxía viguesa: «Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta», de Ledicia Costas. Crítica de César Lorenzo

César Lorenzo Gil publicou en Biosbardia unha recensión crítica sobre a novela Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas.

 

Jules Verne e a vida secreta dun Vigo ideal

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas, editado por Xerais, gañou o Premio Lazarillo 2015. Conta unha historia fantástica no Vigo do 1884: O escritor Verne, xa famoso grazas ás súas novelas, volta a Vigo para coñecer persoalmente o novo invento de Antonio Sanxurxo Badía, que está inspirado no Nautilus co que o capitán Nemo percorría os fondos de Rande en Vinte mil leguas de viaxe submarina. Mais esta non ha ser a maior sorpresa que atope xa que asistirá ao desenlace dun histórico e complexo enigma sobre mulleres que se converten en plantas.

Costas volve con esta novela á narrativa xuvenil, entendida esta como ficción adecuada para inocular nos adolescentes o gusto pola lectura. É dicir, libros onde prevaleza a trama, a acción, a aventura, a posibilidade de identificación entre lector-personaxes, todo co fin de que sexa unha experiencia atractiva que sirva como estímulo e ponte para convertela en hábito, un hábito que se pode degustar por toda a vida. A ese nivel, a novela funciona correctamente. A autora viguesa xa demostrou con outros títulos a súa capacidade para crear maquinarias harmónicas, autónomas, ben engrenadas. Esta obra avanza segura grazas a dous combustibles que case nunca fallan neste tipo de libros: as frases feitas e os diálogos. Sobre o primeiro eixo, pouco hai que engadir ao tópico de que determinada ficción necesita unha linguaxe familiar para manter a atención dos lectores. Neste caso, ese recurso funciona. O mesmo se pode dicir do exceso de adxectivos. Edulcora o texto, faino máis “literario”, crea unha sensación de ritmo que doutro xeito custaría máis traballo conseguir.

No caso dos diálogos, estes cumpren varias funcións. Por unha banda, soportan o peso da trama. As escenas axilízanse a través da mirada dos personaxes. Mentres que a narración se deleita na psicoloxía ou na descrición da atmosfera (silencios incómodos, palabras punzantes, aromas florais…), os personaxes expresan en voz alta os resortes dos acontecementos. Por outra, os diálogos favorecen que o texto alcance corpo de novela. Porque o enredo que se trata nesta obra é ben cativo. A autora prefiriu glosar un relato simple e non facelo máis complexo con demasiados personaxes ou subtramas. O resultado é que esa graxa narrativa incha de máis unha obra que ben podería quedar, e entenderse igual, con ducias de páxinas menos.

Como ocorre en moitas novelas para público mozo, a novela ten unha parte didáctica. Costas segue, en parte, o propio Jules Verne, que consideraba unha das funcións da literatura popular aprenderlles aos lectores conceptos que sempre se metabolizan mellor inmersos nunha trama agradable á lectura. E neste libro ese cometido tamén está conseguido con brillantez. Mais a escritora ten un éxito desigual nos dous obxectivos “pedagóxicos” que inclúe. O protagonismo do Vigo decimonónico, en plena fase de expansión industrial, é un achado que merece un aplauso. Sen renunciar á novela de aventuras clásica, o libro ofrece unha visión rigorosa e moi plástica da cidade daquel tempo, aínda mariñeira, pescadora mais xa tamén marítima, comercial. A documentación só en contados momentos estorba e polo xeral agradécense as notas a pé de páxina e os “recreos” nos que a trama descansa nas prazas, nos locais, na esencia dun Vigo ideal, previo á eclosión, cara ao que Costas non oculta certa nostalxia.

Coido que non queda tan conseguido o interese do libro en difundir o traballo sobre Jeanne Baret, a científica do século XVIII que Costas reivindica. O evidente e lexítimo empeño en promover o traballo feminino en disciplinas das que os nomes das mulleres foron inxustamente borrados, concretamente na bioloxía, non se corresponde, neste caso concreto, co esforzo literario por evocar ese universo e facelo realmente fascinante por se vivir como xa propio.

E é que Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta gaña forza cando escorrega pola corrente da pura fantasía. Aí Costas demostra gran pericia na tensión entre verosimilitude e imaxinación e crea unha nova mitoloxía viguesa, submarina, inaccesible, interconectada con ese mundo oceánico no que Galicia deixa de ser periferia para se converter no centro de todas as rutas.

Aproveitando o protagonismo da figura neste libro, unha pregunta: É indiscutible a influencia na cultura popular de Jules Verne. Algúns dos seus libros, personaxes e “profecías cumpridas” son iconas da sociedade global industrializada. Mais, segue a ser Verne unha lectura para o tempo de hoxe? Eu confeso que nunca acabei ningunha das súas novelas. Recordo descricións farragosas, diálogos resesos e demasiadas páxinas.

César Lorenzo Gil

Hai 1 comentario. Engade o teu.

Deixa un comentario!