Menu Xerais

Xabier Paz: «Artemisa loitou para ter a mesma consideración que os pintores, homes, da súa época»

O xornal La Voz de Galicia publicou unha entrevista ao escritor Xabier Paz, sobre a súa novela Aníbal e a Pintora. (Foto do autor: Santi M. Amil / La Voz de Galicia)

 

 

«Artemisa loitou para que a considerasen como aos homes pintores da súa época»

-¿Cal é a idea orixinal desta novela?

-O libro xurdiu de casualidade cando, como lle pasa ao protagonista, bato en Internet cunha reprodución dun cadro de Artemisa Gentileschi que me chama poderosamente a atención polo coidado do debuxo, polo poderío das cores aínda que a figura teña un certo carácter estatuario, pero non por iso deixa de ser conmovedor. Representa o mito bíblico de Susana e os vellos. Aparece unha moza medio espida acosada por dous vellos que se deitan sobre ela. Non é, como noutros cadros de homes, unha pintura para miróns, é claramente unha vítima acosada polos homes. Na superficie, o libro trata da historia de Artemisa Gentileschi.

-¿Quen foi?

-Foi unha pintora romana nacida a finais do século XVI que chega a entrar na academia dos pintores en Florencia e en Roma. Ademais é a primeira muller que ten encargas para dentro dun templo, algo excepcional porque a Igrexa consideraba impúdicas que obras feitas pola man dunha muller estivesen dentro dos templos ao atribuírlles a causa do pecado. A vida de Artemisa foi tan novelesca que xa ten varias novelas sobre ela, todas elas escritas por mulleres; mesmo hai tamén unha película. Eu tiven o atrevemento de facer esta novela dende a perspectiva dun home contemporáneo.

-¿Por que aclaraba antes que só era en superficie unha biografía?

-Porque trata de máis cousas, da pantasma do incesto, das relacións entre pais e fillas, a relación da arte a través do século. Hai un diálogo entre dous amigos, un deles obsesionado coa pintora. Tamén está o que eles pretenden e conseguen escribir. Nese diálogo, dende a contemporaneidade ata o barroco, saen unha serie de xuízos, opinións e un certo debate sobre o papel da muller na arte.

-¿É casualidade que retome a historia como fonte de inspiración como xa fixo en «A galera de Xelmírez»?

-Para min, os personaxes históricos son como un molde onde se poden verter todo os problemas do ser humano. Estes problemas existencias permanecen e se pode seguir reflexionando sobre eles na actualidade.

-¿Na súa novela toma partido pola protagonista?

-Eu escribín esta novela con moito cariño porque é unha personaxe que me resultou moi tenra por todas as peripecias e esforzos que pasou esa muller para defender o seu oficio e facerse considerar como os artistas homes. Pódsee pensar que eu tomo partido pola protagonista, coas súas sombras, pero un fío de simpatía si lle teño.

-¿É a literatura unha compensación ante un traballo inmerso na aridez da ciencia?

-A ciencia non é árida; sen imaxinar hipóteses de como pode ser a realidade non é posible a investigación. Sen metáforas a ciencia non tería sentido. Ademais non somos dunha soa peza. Eu escribo para loitar contra a miña ignorancia, para entreterme e polo atrevemento de pensar de que o que escribo poda entreter e axudar a reflexionar aos demais.

Deixa un comentario!