Menu Xerais

Primavera dos libros

Xerais preparou para a primavera unha oferta de novidades para todos os públicos, novelas, libros de poesía, de ensaio e de humor gráfico.

En maio apareceu en Xerais Narrativa Terradentro, a novela coa que debuta Xosé Benito Reza, e en xuño publicarase Os fillos do lume de Pedro Feijoo, novela na que recuncan os protagonistas de Os fillos do mar. Na colección Milmanda en xuño aparecerá O xogo de Babel, a novela romántica de Elena Gallego Abad.

Na colección de Poesía chegaron ás librarías A cadencia da fractura de Isaac Xubin, Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, e Beixos de lingua, o primeiro libro de Paco Barreiro.

Mentres que en LibroX Suso de Toro publicou o ensaio Humildar, no que reflexiona sobre a experiencia da vida e o seu carácter transcendente, e en Xerais Crónica aparecerá en xuño Un mundo de palabras, onde se recollen os ensaios sobre o libro e a lectura de Agustín Fernández Paz.

No mes de maio na colección Fóra de Xogo publícanse as novelas Corredora de María Reimóndez e Costa do Solpor, O regreso da illa do tesouro de Xosé María Lema, mentres que no mes de xuño chegarán ás librarías 22 segundos de Eva Mejuto e a reedición de Conta saldada de Suso de Toro. Tamén dirixidas ao público xuvenil son as novelas Reckless. O fío de ouro, terceira entrega da serie de Cornelia Funke; A boca de inferno. Un misterio de Tintimán en Ourense de Jaureguizar, quinta entrega da serie Tintimán; e Formig4s. Misión Tokyo de Pere Tobaruela e Andrés Meixide.

Para o público infantil publicáronse tres novos títulos da colección merlín: Avións de papel de Xavier estévez, ilustrado por Marcos Viso; A cazadora de estrelas de María Canosa, ilustrado pro Dani Padrón; e Debaixo dun parasol de Azucena Arias Correa, ilustrado por Ignacio Hernández.

Por último publícase Floreano, libro de humor gráfico de Gogue.

Comentarios pechados