Menu Xerais

Merlíns para a primavera

Hoxe entraron no almacén catro novos títulos da colección Merlín: Lía e as zapatillas de deporte de María Reimóndez, ilustrado por Iván Sende (9 anos en diante, novela). Os piratas da illa da Esperanza de X. Rivadulla Corcón, ilustrado por Adrián Solleiro (11 anos en diante, novela). Sopa de Marsopa de Isabel Freire, ilustrado por Jon Puga (9 anos en diante, novela).

Presentación “IIº Premio Teatro Radiofónico”

“A cidade e os días”

Por fin, despois de case oito meses de traballo, temos na imprenta a tradución d’ A cidade e os días, o voluminoso calendario histórico de Vigo de don Xosé María Álvarez Blázquez. Consideramos esta edición como un dos fitos máis relevantes na homenaxe nacional que a sociedade galega tributa ao editor de Monterrei e Castrelos. O libro estará nas librarías na primeira semana de maio.

Premios Xerais 2008, pechada a admisión de orixinais

Pechada a admisión de orixinais dos Premios Xerais 2008, o número de participantes de cada unha das modalidades é o seguinte: XXIIIº Premio Merlín de Literatura Infantil: 32 XXVº Premio Xerais de Novela: 54 IIIº Premio Fundación CaixaGalicia de Literatura Xuvenil: 28 A composición dos xurados darase a coñecer durante o mes de maio.

Presentación de “Diario dun pai acabado de nacer” de Henrique Alvarellos

O venres, 11 de abril, ás 20:00 horas, continuarán as presentacións de Xerais na Feira do libro de Santiago. Nese momento presentarse o libro de Henrique Alvarellos, Diario dun pai acabado de nacer. Manuel Bragado acompañará ao autor no acto, no que serán lidos fragmentos do diario. O xornalista Henrique Alvarellos comezou este diario íntimo no mesmo intre de saber que ía ser pai.

Presentación de “Incertos” de Antón Dobao

O xoves, 10 de abril, as 20:00 horas na Feira do Libro de Santiago, presentarase Incertos, o volume de relatos de Antón Dobao. No acto participarán Darío Xohán Cabana, Manuel Bragado e o autor. Estes contos incertos de Antón Dobao apuntan ao horizonte do que non é predicible. Son trece historias nas que o extraordinario, o inesperado, acaba por se converter na marca distintiva dunhas vidas aparentemente normais.

Premios AELG 2007

O sábado 26 de abril, en Santiago de Compostela, terá lugar a entrega dos Premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2008.

Premios IGAEM 2008

O IGAEM convocou a XVIIª edición do Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e a IIIª edición do Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que o vindeiro ano serán coeditadas polo IGAEM e Xerais dentro da colección Biblioteca Dramática Galega.

Finalistas no Premio San Clemente

Dúas das novelas de Xerais Narrativa publicadas o pasado ano foron declaradas finalistas da XVª edición do Premio Arcebispo Juan de San Clemente: Cardume de Rexina Vega, na categoría de mellor novela galega, e Terrorista de John Updike, na de novela estranxeira. Un xurado de lectores, formado por alumnos e alumnas de bacharelato de cinco centros de toda Galicia, valorará as obras finalistas.

Entrevista a Rexina Vega

Pura Salceda entrevista en Vieiros a Rexina Vega, autora de Cardume, a novela gañadora do Premio Xerais de Novela 2007. Reproducimos dous dos parágrafos desta longa entrevista: Pura Salceda: Como lle cambia a un a vida cando é Premio Xerais de Novela? Rexina Vega: Aínda, a tantos meses xa do Premio, non sei ben que contestar. O que me cambiou a vida, no máis fondo, foi o feito de ser quen de publicar unha novela.

“A cultura do pan”, entrevista a Xosé Lois Ripalda

Con motivo da recente aparición nas librarías d’ A cultura do pan, A Nosa Terra publica unha interesante entrevista co etnógrafo e escritor Xosé Lois Ripalda.

David Mckee, outra vez en galego

Con Negros e brancos, David Mckee –un dos autores e ilustradores máis recoñecidos internacionalmente– creador do inesquecible personaxe do elefantiño Elmer, volve publicar en galego no catálogo de Xerais.