Menu Xerais

101 relatos ligados á tradición oral, de 52 autores en «Galicia Encantada», coordinado por Antonio Reigosa

A web Galicia Confidencial publicou unha información sobre Galicia Encantada, o país das mil e unha fantasías, en edición de Antonio Reigosa, ilustrado por Noemí López.

 

Un libro para celebrar os dez anos da Galicia Encantada

A web que coordina o investigador Antonio Reigosa celebra o seu aniversario cun volume no que tenta recoller o mellor da fantasía galega, entre elas, “A verdadeira historia da capadora de Cuntis” ou “O conto do lobo incendiario”.

A web Galicia Encantada, a “Enciclopedia da Fantasía popular de Galicia”, como a define o seu creador, Antonio Reigosa, cumpre dez anos. E para celebralo, Xerais editará un volume, na súa colección LibroX, baixo o título “Galicia Encantada. O país das mil e unhas fantasías”.
Son 101 relatos en coautoría con 52 autores e autoras, entre os que destacan nomes como os do portugués Alexandre Parafita, o do brasileiro Romyr Conde, ou Antonio García Teijeiro, Marta Dacosta, Xabier López Rodríguez, Xabier P. DoCampo, Calros Solla, Rafa Quintía , Isidro Novo ou Adela Figueroa.
A xeografía dos relatos é practicamente toda Galicia e a temática a dos contidos habituais da web. Entre os relatos algunhas xoias descoñecidas como “A verdadeira historia da capadora de Cuntis “A Lorena Bobbit galega”, de Marcos Seixo Pastor, “O conto do lobo incendiario” do escritor zamorano-galego Xabier López Rodríguez, lendas urbanas que tratan do roubo de órganos, de construtores suicidas, do significado ou linguaxe das zapatillas que se colgan dos cables eléctricos, as referencias galegas da historia do home santo que é quen de colgar o seu abrigo da “vara de sol”, as propiedades da “Man de Gloria”, o amuleto que se fabrica coa man dun aforcado.
Son lendas, contos, xogos, romances e relatos de ánimas e medo, remedios tradicionais e dous poemas orixinais da autoría de Marta Dacosta e Antonio García Teijeiro que se inspiran no lendario popular galego tradicional, unha poesía verdadeiramente escasa na produción literaria galega.
Ademais, e aproveitando estes dez anos, a web reestruturará os seus contidos e aplicará un novo deseño cos debuxos de Noemí López. Contará con novas seccións con posibilidade de interactuar como “Aulas do Imaxinario” ou o “Mapa de Galicia Encantada”.

Comentarios pechados