Menu Xerais

Agustín Fernández Paz: «Fantasmas de luz», coa historia dun home que traballa toda a vida nun cine e queda no paro, quere ser unha crítica do sistema

La Voz de Galicia publica unha entrevista de Camilo Franco con Agustín Fernández Paz sobre o seu novo libro, Fantasmas de luz.

 

Agustín Fernández Paz: «Os parados son a materia escura»

A nova novela de Paz aproveita o cine para falar da invisibilidade

O personaxe principal de Fantasmas de luz, a novela de Agustín Fernández Paz, tivo no cine a súa universidade. Foi proxeccionista ata que calquera das formas máis inmediatas do neoliberalismo acabaron co seu posto de traballo. Nesa universidade aprendeu unha máxima: «Nunca poderán con nós, somos o pobo». Foi na clase As uvas da ira, impartida por John Ford.

-No libro hai dúas argumentacións para a mesma historia.

-Quería escribir sobre a desfeita que está cometendo o capitalismo desde a caída do muro de Berlín. Pero non quería escribir un ensaio, quería utilizar as ferramentas da ficción e para iso tiña que darlle corpo a unha historia con personaxes e cunha trama. Por un lado quería facer unha crítica dura do sistema, pero por outro quería explicar o moito que importan os soños e a necesidade de que nos conten historias. No cruce desas dúas intencións está a historia dun home que traballa case toda a súa vida nun cine e queda sen traballo.

-No seu libro toma corpo esa idea de que ir ao paro é un xeito de desaparecer.

-Mesturo un contexto realista cun elemento fantástico. Neste caso é que o matrimonio protagonista, tras quedar os dous no paro, comezan a volverse transparentes. Están aí pero o mundo non os ve. Ese é un dos grandes perigos desta crises, que hai xente que desaparece.

-¿Considera que a sociedade é demasiado pasiva diante da dureza dos cambios?

-A impresión que eu teño é que os cambios que veñan, que van vir, non chegarán só a nivel local, senón que serán cambios globais, como global é o capitalismo agora e tamén é global o deterioro da natureza. O que non chego a albiscar agora, pero que pode estar sucedendo, é que, como dicía Marx, hai varias toupas furando na actualidade e non o sabemos, e quizais esteamos só intuíndo o que está sucedendo realmente. O que si quero crer é que esa consigna de que somos o 99 % segue sendo auténtica e debe impoñerse, e que esta forma de capitalismo está condenada a desaparecer polos seus métodos.

-Fala no libro da invisibilidade e da exclusión que provoca quedarse sen traballo. ¿Cre que é un mal difícil de combater?

-Eu creo que hai moita pasividade e que iso afecta a un certo espellismo porque en moitas partes a crise non se nota coa dureza que está tendo. De feito, eu vou por Vigo, onde se di que o 30 % da xente non ten xa ingresos regulares, e vexo as terrazas cheas como se non houbese crise. O que sucede é que a xente que non ten ingresos desaparece. Vas pola cidade e non se ven: os parados son a materia escura. Así que hai una aparente normalidade que produce a inclusión dunha parte da poboación que, por outra parte, é cada día máis grande.

-Na súa historia, ¿a onde conduce a situación de exclusión?

-A novela conta a historia dunha xente que pasa dunha situación a outra, conta o proceso de como se vai volvendo transparente, que se pode entender como unha metáfora do que sucede na actualidade. Eles son conscientes do proceso que están padecendo. Pero a historia ten un final que non podo desvelar porque rebentaría a historia, un final que garda moita relación coa resolución da película As uvas da ira, de Ford, que me parece unha historia de moita actualidade agora mesmo, e no que se apunta un xeito de enfrontarse á esta situación á que nos trouxo o capitalismo no que vai de século.

Camilo Franco

Comentarios pechados