Menu Xerais

«A clase», de François Bégaudeau, primeira novidade de Xerais Narrativa 2009

A clase, a exitosa novela de François Begaudeau, traducida para o galego por Xavier Senín e Isabel Soto, será a primeira novidade de Xerais Narrativa para 2009. A clase aparecerá nas librarías, na segunda semana de xaneiro coincidindo coa estrea en España, o 16 de xaneiro, da película homónima de Laurent Cantet, premiada coa Palma de Ouro de Cannes 2008 e candidata francesa aos Oscar.

xg00156301«Eu falaba para unha clase silenciosa e distraída, Gibran e Arthur dedicábanse a unha análise comparativa das súas calculadoras e rebentaban co riso por non sei que, Michael asentía movendo a cabeza aínda que pensaba noutra cousa e, mentres, os muros daban en inclinarse perigosamente e terminarían por caernos a todos enriba.»

Cunha escrita descontinua que vai captando diferentes escenas e conflitos co alumnado e cos seus colegas, case coma se fose unha cámara, François Bégaudeau constrúe en A clase unha crónica do seu labor como profesor, engadindo mesmo as súas propias dúbidas e poñendo de manifesto as dificultades que xorden nas aulas, nos claustros, entre os adolescentes e tamén entre os adultos. Este é o impactante relato da vida nunha clase multicultural da bisbarra parisina, con todas as tensións entre profesores e alumnos, que en certa maneira traducen o conflito entre ricos e pobres, entre aqueles que posúen o saber e aqueles que non o teñen. Unha adaptación desta novela foi levada ao cine por Laurent Cantet, e a película homónima obtivo a Palma de Ouro do Festival de Cannes 2008.

6a00d8341caba253ef00e5527d10118833-500wiFrançois Bégaudeau (Luçon 1971) é profesor, xornalista deportivo, escritor, cantante e actor. Colaborador habitual de varias revistas culturais: Inculte, Cahiers du cinéma, Transfuge e cronista de La matinale de Canal +. Iniciou a súa carreira como narrador en 2003 coa publicación da novela Jouer juste. Posteriormente publicou a novela Dans la diagonale (2005) e a ficción biográfica Un démocrate, Mick Jagger 1960-1969. Xa en 2006 publicou Entre les murs (A clase, Xerais 2008), a súa terceira novela, que recibiu o Prix France Culture/Telerama e o recoñecemento apoteósico do público francés. En 2007 publicou a súa cuarta novela Fin de l’ histoire e en 2008 o ensaio Antimanuel de litterature e a peza teatral Le problème. En 2008 Entre les murs foi adaptada ao cinema por Laurent Cantet, película na que o propio Bégaudeau participou como coguionista e intérprete do papel do profesor protagonista e que, ademais, mereceu a Palma de Ouro do Festival de Cannes do mesmo ano.

[youtube=https://www.youtube.com/watch?v=LsmH01O8aaY]

Comentarios pechados