Menu Xerais

Entrevista a Chus Pato

A publicación de Hordas de escritura, o máis recente poemario de Chus Pato, suscitou esta entrevista publicada en Galicia hoxe.

Eis para a escritora ourensá o sentido deste seu libro: “A cultura que recibimos nega á besta: non queremos ser animais. Danos medo sabernos animais porque a animalidade é o indicativo da morte: somos mortais porque somos animais. Por iso, abrazamos ese tópico de que o humano é a mediación entre o animal e a divindade. Cando falamos, nos facemos civilizados, parece que escapamos á morte, pero é a costa de anular a animalidade… Eu penso que hai algo que rescatar desa animalidade. Somos animais, fillos da terra, do cosmos. Se non nos conectamos con todo iso, camiñamos cara á destrución. Somos animalidade e linguaxe. Carne e linguaxe”.

Houbo unha morte e a morte entrou no amor; finalmente produciuse unha mudanza na escritura. Este libro é tamén a terceira entrega dunha pentaloxía que Chus Pato vén construíndo baixo o título xenérico de Método. Pero, cando o poema se compón, só lle é fiel a súa propia cicatriz; esa é a lei e a gravidade do texto. Un libro importante dunha das máis abisais, mutantes, imprescindibles e rupturistas escritas do panorama poético contemporáneo.

Comentarios pechados