Menu Xerais

Arquivo mensual: Novembro 2009

«Sol de Inverno», presentación en Compostela

O vindeiro xoves, 12 de novembro, ás 20:00 horas, nas instalacións da Libraría Couceiro de Santiago (praza de Cervantes 6) presentarase Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais 2009. Acompañarán á autora, a xornalista Helena Soto e o editor Manuel Bragado.

Rosa Aneiros en «Libro Aberto»

Esta noite, despois da película, no programa «Libro Aberto» da TVG Rosa Aneiros presentará Sol de Inverno. A entrevista coa autora do Premio Xerais realizouse no faro de Fisterra. Ademais, o programa noutra reportaxe repasará os trinta anos de historia de Xerais. O programa emítese, tamén, o mércores na G-2 (TDT) ás 20:00 horas.

«Mercurio» de Emilio Alonso, presentación en Lugo

Mañá, mércores, 11 de novembro, ás 20.00 horas presentarase no salón de actos do IES Lucus Augusti (Avenida Rodríguez Mourelo s/nº) de Lugo Mercurio, a novela de Emilio Alonso, gañadora do Premio de Novela por entregas de «La Voz de Galicia» 2008. No acto o autor estará acompañado do editor Manuel Bragado. Ás 13:30 horas, Emilio Alonso manterá un encontro co alumnado do centro.

Xa á venda os primeiros e-books de Xerais

Os primeiros dous títulos en formato e-book de Xerais xa están á venda. Sete palabras de Suso de Toro e Dime algo sucio de Diego Ameixeiras, dúas das novidades da colección Narrativa que chegan esta semana ás librarías, poden ser descargados neste formato dixital dende o espazo de Xerais en Todoebook.

«Restaurante Farruco» de Chus Pereiro

Paula Fernández publicou o pasado xoves, 5 de novembro, no «Faro da Cultura» un fermoso texto sobre Restaurante Farruco, a peza teatral de Chus Pereiro, ilustrada por Xan López Domínguez, publicada na colección Merlín. ¡Mamasiña que medo!, a peza teatral de Chus Pereiro (Marín, 1957) publicada en 2002 por Edicións Xerais xa amosou o interese desta profesora por levar o teatro á escola e particularmente ás súas aulas.

Axenda Xerais 2010, promoción de «Xornal de Galicia»

«Valados» de Agustín Fernández Paz

Coincidindo coa efeméride do vinte aniversario da caída do muro de Berlín, anunciamos a publicación este mes de novembro de Valados, o novo libro de Agustín Fernández Paz. Presentado na serie de volumes acartonados e sen recomendación de idade da colección Merlín, este conto ilustrado por Xan López Domínguez propón derrubar todos os valados, todos os muros existentes no planeta.

Ramón Cabanillas, 50 aniversario: «Poesía galega completa»

Mañá, 9 de novembro, cúmprese o 50 cabodano do pasamento do poeta Ramón Cabanillas. Con este motivo, Xerais anuncia a próxima aparición, tras varios anos de traballo, da Poesía galega completa de Ramón Cabanillas, un volume de 1.032 páxinas preparado polos catedráticos  Xosé Ramón Pena e Xosé María Dobarro.

O Brindo de ouro II

Na derradeira semana do mes de novembro chegará ás librarías a segunda entrega da serie O brindo de ouro, iniciada coa novela coa que Xesús Manuel Marcos obtivera o Premio Merlín en 2004. Baixo o subtítulo «A Táboa da Hospitalidade», Marcos ofrece unha novela longa de aventuras agardada durante anos polos admiradores d’ A chamada do Brindo.

«O maquinista Antón» de An Alfaya

Dentro de tres semanas chegarán as librarías os primeiros exemplares d’ O maquinista Antón, unha nova edición do primeiro libro de An Alfaya. Esta peza teatral obtivo o premio de Teatro Xeración Nós en 1991. Xerais recupera para a súa colección Merlín tan magnífico texto da man das ilustracións de Santy Gutiérrez. O maquinista Antón é unha obra de teatro dun único acto.

«Cartas de republicanos galegos condenados a morte», presentación en Pontevedra

Hoxe, venres 6 de novembro, ás 20:00 horas presentarase nas instalacións do Café Moderno de Pontevedra Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), o libro máis recente do profesor Xesús Alonso Montero. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra, a Fundación Caixa Galicia e Xerais, acompañarán ao autor o catedrático de filosofía Ramón Regueira e o editor Manuel Bragado.

«O monstro das palabras» de María Reimóndez

Dentro de tres semanas chegarán ás librarías os primeiros exemplares d’ O monstro das palabras, a nova novela de María Reimóndez para os lectores novos (de 11 anos en diante).