Menu Xerais

As mellores obras de 2009 para a crítica de «lg3» o portal literario de culturagalega.org

Varias obras publicadas pola editorial son citadas polas persoas encargadas da sección de crítica de «lg3», o portal literario de culturagalega.org, entre as mellores das publicadas en galego ao longo do ano 2009.

Inma López Silva, encargada da crítica en artes escénicas, salienta Sempre quixen bailar un tango, de Teresa González Costa, destacando que «Este Premio Álvaro Cunqueiro destaca pola súa elegancia, pola súa capacidade evocativa e pola súa corrección dramatúrxica.»

Isabel Soto escolle entre as propostas narrativas do ano Monte Louro de Luís Rei Núñez, para ela «unha boa novela que percorre os tempos da República, a chegada da Guerra Civil, a posguerra e a emigración galega a Bos Aires. Conta cunha esmerada escrita, coidada construción e con personaxes ben caracterizados e cribles. Unha lectura amena que engancha o lector.»

Anxos García Fonte escolle Monbars o exterminador de Hixinio Puentes: «É unha novela de aventuras vibrante, moi ben ambientada histórica e espacialmente, cunha lingua rica perfectamente adaptada ao tema e ao contexto histórico.»

No eido da literatura infantil e xuvenil, Isabel Soto escolle Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, xa que «Esta narración conmove pola súa beleza ao abordar os procesos de emigración desde a perspectiva íntima dunha nena senegalesa de dez anos e que conta cunha orixinal técnica construtiva.»

Soto, tamén destaca o premiado Mil cousas poden pasar. Libro I, de Jacobo Fernández Serrano. «Un libro divertido e intelixente no que o autor recorre aos personaxes insólitos que adoita crear e a unha trama que non deixa de sorprender até o final», conclúe Soto.

Pola súa banda, Montse Pena destaca outra obra publicada por Xerais. Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros é para ela «un libro que elude tópicos, tanto na súa  temática, o multiculturalismo (unha das máis recorridas polos autores de infantil e xuvenil nos últimos tempos), como na propia concepción do que é considerado normalmente coma literatura xuvenil», lembra. «Aneiros consegue que o bar Luzada, o punto de encontro no que se entretecen os seus personaxes, se convirta nun crisol de culturas en que o pulso do cotiá e o arrecendo a café se mestura co amor, a traxedia e as ilusións», conclúe Pena.

Comentarios pechados