Menu Xerais

«Educación para a cidadanía e os profesores»

Miguel Anxo Santos Rego e María do Mar Lorenzo Moledo, profesores ambos os dous da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, acaban de publicar Educación para a cidadanía e os profesores. Visión e desafío. Este ensaio continúa a novidosa liña de ensaismo pedagóxico iniciada tan exitosamente por eles nas súas obras anteriores publicadas na mesma colección Inmigración e acción educativa en Galicia e Universidade e construción da sociedade civil en Galicia. Esta nova entrega de grande actualidade chegará ás librarías galegas na vindeira semana.

xg00151901A cidadanía plena é o froito da democracia, do mesmo xeito que non hai democracia digna sen fornecer axeitadamente a aprendizaxe e o desenvolvemento cívico de todas as persoas, en especial das máis xóvenes. Aínda que non lle corresponda en exclusiva, a escola e o sistema educativo como un todo están chamados a realizar, co máximo coidado pedagóxico, tan importante cometido social e moral. A recente incorporación ao currículo do noso país dunha materia autónoma co nome de «Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos» coloca no primeiro plano o importante papel do profesorado nesta dinámica, tamén instructiva, que precisa claridade, calidade e compromiso. Ben sabemos que ningún cambio é posible en educación sen os profesores. Razón de máis para que este libro dos profesores Miguel Anxo Santos Rego e María do Mar Lorenzo Moledo sitúe o seu epicentro na perspectiva coa que os docentes están asumindo un programa de acción educativa con grandes alicerces para os individuos e as comunidades.

Comentarios pechados