Menu Xerais

«Mil cousas poden pasar»: contador de fantasías, crítica de Isabel Soto

Isabel Soto publica no espazo crítico de «lg3» unha fermosa crítica de Mil cousas poden pasar. Libro I, a obra de Jacobo Fernández Serrano gañadora do premio Merlín 2009. Baixo o título de «Contador de fantasía», Soto rastrexa na obra de Jacobo Fernández Serrano, descubrindo nela algúns dos antecedentes presentes na historia protagonizada por Lina e Pouco. Recollemos algúns dos parágrafos dun texto que moito recomendamos:

Mil cousas poden pasar. Libro I supón un novo chanzo na carreira deste contador de fantasías e unha achega máis aos trazos que definen as súas creacións, desta vez avalado polo importante Premio Merlín. A historia retoma, con ampliacións e modificacións, as entregas publicadas nos que se converterían nos tres últimos números de Golfiño –87, 88 e 89–, que coa súa repentina desaparición nos privou daquela da conclusión d’O conto de Lina e Pouco. Non deixa de resultar curioso que a portada do nº 87 da revista anunciase o comezo da miniserie cunha ilustración na que destaca un libro de tapas duras, moi semellante ao que hoxe temos nas mans. Semella unha premonición ou un soño cumprido.

O título do libro, o retrouso que adoita empregar Mercurín, convértese se cadra na esencia que mellor resume a historia. Tras a lectura, certamente, descubrimos que mil cousas, ou moitas máis, poden pasar no ámbito dun universo ficcional tan ben artellado, que estimula o adulto polas súas calidades plurisignificativas e se adapta á lóxica infantil, afeita aos saltos e ás explicacións máxicas e que goza cos detalles e a transgresión do racional. Unha literatura libre na que a ficción suspende a realidade ordinaria e invita a quen le a vivir outra non menos real.

[...]

Unha historia de aventuras, de amor, de azares, de viaxes, de desexos íntimos, de liberdade e de fantasía conducida con naturalidade e retocada con surrealismo, nunha liña que evoca a lembranza de clásicos como Roald Dahl, Carroll, Astrid Lindgren, Rodari ou mesmo os seres inadaptados e enigmáticos de Tim Burton. Cando chegamos aos tres capítulos finais, só nos consola un conxunto de interrogantes que prometen ter resposta nun segundo libro que xa nos tarda.

Comentarios pechados