Menu Xerais

«Mil cousas poden pasar« ou «Dando que pensar», crítica de María Navarro

O flamante gañador do Premio Merlín 2009 amosa os seus dotes de escritor en Mil cousas poden pasar. Libro I, que presenta un mundo fantástico debaixo da auga e outro, non menos fantástico, na superficie. Os personaxes dun e doutro lugar, isto é, a familia real de Pindo IV O Tratable, convertido despois en Pindo IV O Túzaro, dentro do mar, e Lina, Pouco, don Torsón, Hedión, Propicius ou a alcaldesa, entre outros, fóra do mar, conforman un universo no que desfilan da mesma forma persoas, animais, obxectos, ideas, sentimentos e pensamentos e no que a búsqueda de ideais materiais ou morais se converte no motor que impulsa practicamente a totalidade dos movementos.

O texto dividido en cincuenta e catro capítulos e estruturado en tres partes fai honra ao título, porque tanto nas profundidades do mar, onde viven os peixes, mariscos, plantas submarinas e civilizacións diminutas, como na vila de Nil, mil cousas poden pasar: que Neda e Mercurín busquen agasallo para o seu pai o rei, que se manteña a liñaxe real, dende Meaño I, O Que Tivo a Idea, que haxa unha guerra, que os ex-soldados se convirtan en músicos, que a chuvia formada por unha soa pinga xigante absorba a Pouco con tuba e todo, que os mortos tomen o sol sentados nos bancos do camposanto agora convertido en xardín, que o cocho Isaías vaia á escola ou que Lina saia na procura do seu home Pouco e lle medre o pescozo varios metros.

Unha desbaratada historia, que goza dunha coherencia interna e que se adoza cunha boa dose de subrealismo, onde parece primar a imaxe sobre o contido; absurdo nuns casos, lóxico noutros e disparatado na maioría das ocasións, pero que no fondo desenmascara realidades aceptadas como verdades universais ou desconxunta mitos que ben mirados carecen do sentido necesario que os sustente.

A ilustración feita palabra acompaña un texto sinxelo que pecha significados do máis diverso, pero que amosa en calquera caso non só unha desbordante imaxinación senón tamén a concepción dun mundo no que os seus integrantes tentan pasar pola vida deixando pegadas ou, cando menos, dando que pensar. María Navaro

Texto publicado no «Faro da Cultura» de Faro de Vigo (24-12-2009). Pode baixarse ou lerse a páxina en pdf aquí.

Comentarios pechados