Menu Xerais

«O Cabo no Mundo» ou «Contra os señores do olvido»

Francisco Martínez Bouzas publica hoxe no «Faro da Cultura» a que constitúe a primeira crítica d’ O Cabo do Mundo, a novela de Xabier Quiroga. Baixo o título «Terror no Cabo» e o subtítulo «Contra os señores do olvido», Martínez Bouzas contextualiza esta obra dentro do esforzo da literatura galega de contribuír dende a ficción a reconstrución da Memoria Histórica. «A este propósito súmase hoxe, dun xeito orixinal e disimétrico, ao que soe ser esta narrativa de tipo social, a última novela de Xabier Quiroga, O Cabo do Mundo.» A continuación, o crítico salienta que o «o autor agasállanos cunha historia e unha trama narrativa que, desde o presente e de xeito nada maniqueo, tentan pescudar naqueles desgarradores días do ano trinta e seis nos que a barbarie represiva acabaou sendo tapada polo andazo dunha guerra sen frontes bélicas en Galicia, pero marcada polo terror nunha dupla vertente: a dos xulgamentos farsa, aragallados a xeito de vinganza, e a que o autor chama “paralegal”, exercida polos escuadróns da morte de falanxistas e asimilados a través de “paseos”, “sacas” e a actuación das “patrullas do amencer”.» Tras debullar o desenvolvemento doutros elementos estruturais da novela, o crítica remata do seguinte xeito: «Unha arquitectura fcailmente habitable polo lector e que fai avanzar a acción dosificadamente, unha verdadeira inmersión na Galicia profunda e un estilo de prosa elaborado, pero que reproduce cando cómpre o galego oral por veces moi basto é expresivo, contribúen a darlle verosimilutede a esta historia de terror no Cabo do Mundo.»

A páxina do «Faro da Cultura», onde aparece o texto completo da crítica, pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

Comentarios pechados