Menu Xerais

«O pintor do sombreiro de malvas» por An An Alfaya

O pintor do sombreiro de malvas é o título da novela galardoada co último premio Lazarillo de literatura xuvenil, concedido pola OEPLI; o seu autor, o galego Marcos S. Calveiro. Na súa traxectoria de escritor hai un bo puñado de libros publicados, recomendables e subliñados con merecidos recoñecementos. Neles o lector atopa unha prosa que brilla polo seu traballo artesán, polo coidado na escolla de cada vocábulo e pola peneira coa que selecciona a linguaxe a empregar en cada texto. Coas temáticas non fai concesións, fuxindo do politicamente correcto ou do que responde á demanda do mercado, deixándose guiar pola paixón e implicándose en proxectos anovadores. Porén, na súa literatura resulta difícil establecer lindes entre a denominada literatura xuvenil e a adulta, e a meirande parte dos seus títulos poderían encaixar en amplas bandas de idade, e se cadra sempre atoparía lectores dispostos a deixarse subxugar polo seu engado. O pintor do sombreiro de malvas, que será editado en galego no primeiro trimestre do 2010 por Edicións Xerais de Galicia, na súa colección Fóra de Xogo, responde a estas premisas. Eu tiven o privilexio de achegarme ao borrador inicial, e aínda que daquela lle faltaba algún arranxo, xa gocei coa súa lectura e quedei fascinada co seu contido, pois nel volvín atopar unha literatura cicelada. Os meus parabéns ao premiado, porque coa concesión do galardón, os seus lectores saímos gañando co mellor premio: a promesa de ter axiña entre as mans un libro excelente. An Alfaya

Artigo de An Alfaya publicado n’ A Nosa Terra.

Comentarios pechados