Menu Xerais

Rosa Aneiros entrevistada en «Galicia hoxe»

Con motivo da primeira presentación de Sol de Inverno, que terá lugar hoxe en Ferrol, o xornal Galicia hoxe entrevista a Rosa Aneiros.

Rosa Aneiros (Valdoviño, 1976) tira “para casa”, como ela mesma confesa, e elixiu Ferrol para presentar (Galería Sargadelos ás oito da tarde) Sol de inverno, a novela coa que gañou a última edición do Premio Xerais. Onte estaba algo inqueda, non polo acto en si -estará acompañada por Sonia Díaz Pereiro e Manuel Bragado- senón polas “lóxicas expectativas” que xorden arredor dunha “obra avalada de premio” e o temor de decepcionar: “o peso da responsabilidade é maior”.

Do que non ten dúbidas é de que “dei o mellor que tiña” e iso “xérache sempre seguridade”, máis cando “estou convencida de que realmente conseguín as espectivas que me propuxera”. Aínda así, recoñece que o seu soño sería “escribir unha novela excelsa e que lle gustase a todo o mundo”.

Aínda que Sol de Inverno poida incluírse no xénero da novela histórica -reconstrúe a peripecia dunha familia republicana que debe exiliarse para fuxir do fascismo-, Rosa Aneiros rexeita falar dese tipo de etiquetas: “Toda novela está ancorada nun espazo ou nun tempo que ás veces é a actualidade e outras varios séculos atrás”. Por riba de todo, o seu obxectivo era “defender a historia de Inverno” até o punto de que este personaxe -central na trama- “ten voz propia e traballei nel para que o lector percibise non tanto a miña voz como narradora senón a da protagonista da novela”.

Pero ¿quen é Inverno? Trátase dunha muller, filla dun republicano, que foxe de Antes -simbólico nome dunha aldea galega- para encamiñarse cara ao exilio en Cuba tras pasar pola resistencia de Barcelona e os campos de refuxiados franceses. “Inverno”, subliña a escritora, “cre que lle roubaron algo, mesmo antes da guerra civil e a súa busca continua do paraíso é a procura de Antes: volver á infancia, á inocencia roubada coa morte de Fiz [un rapaz moi unido á protagonista que outro amigo asasina por ciumes]“.

A existencia de Inverno está marcada “polo exilio que lle tocou vivir” pero tamén “por un exilio persoal”. Deste xeito, Aneiros mestura circunstancias históricas e políticas – “moi fáciles para plasmar a súa paisaxe vital”- pero tratou ao tempo de evitar construír “o cadro dun momento histórico para contar a vida de Inverno”.

Pola novela crúzanse revolucións -a da II República española e a revolución castrista-, un aspecto que aparecía xa en Resistencia, unha obra anterior ambientada na Revolução dos Cravos portuguesa. Para a escritora, estas convulsións históricas son clave e o personaxe que mellor define a súa intencionalidade é o pai da protagonista, “encarnación do eterno insatisfeito. Ese home quere sentir que forma parte da historia, da revolución. Todos temos a necesidade de sentir cousas así, incluso Inverno. Non só podemos ter a sensación de que encadeamos unha derrota tras outra, senón que podemos obter vitorias, comunais e persoais. Esa sensación de que triunfamos con algo: coas nosas ideas”.

Aneiros tamén é consciente de que o seu estilo evolucionou -” supoño que medrei como escritora”-, pero esta evolución non significa un progreso porque “nunca volves ser o escritor que fuches”. Nalgún momento, engade, pode botar de menos “a persoas que fun cando escribín unha obra determinada.

Comentarios pechados