Menu Xerais

Sobre Aldonza de Praterías

César Lorenzo entrevista n’ A Nosa Terra á escritora Mercedes Gualteria Pintos amanuense das reflexións de Aldonza de Praterías recollidas no libro Pedras de Compostela.

Quen é Aldonza de Praterías?

A autora deste libro. Eu só me limitei a transcribir os seus pensamentos porque ela ten as mans ocupadas. En realidade, quen eu e Bieito Iglesias bautizamos co nome de Aldonza é a escultura do pórtico da praza das Pratarías da catedral de Santiago que se coñece como A Adúltera. Eu sempre tiven querenza por esa figura e deime de conta de que, tanto pola súa idade (está alí desde o 1105) como pola súa posición (nun lugar privilexiado para o ver todo) fora testemuña excepcional da vida cotiá da cidade nos últimos 900 anos. Como é unha gran descoñecida para composteláns e visitantes, o meu obxectivo último coa sección era dala a coñecer. Esta figura está considerada polos especialistas como unha das mellores esculturas do románico europeo e formaba parte do que podemos chamar precedente do cómic, feito en pedra. O bispo Diego Xelmírez cada venres impartía xustiza nas Pratarías. Detrás del, a catedral explicaba cal era o destino dos xustos e dos descarriados. Aldonza era unha desas, condenada ao inferno.

Na man ten unha caveira.

O Códice Calixtino conta que representa unha muller adúltera que foi descuberta polo seu marido xunto ao amante. A el cortoulle a cabeza e agora ela padece no Inferno, condenada a levar no colo a caveira do querido.

Un dos fíos do libro é a análise do papel da muller na arte relixiosa.

A patrística deseñou a simboloxía que logo os canteiros levaron á pedra. As mulleres dividíanse en dúas figuras: as virxinais, as nais, puras e castas; e o resto, as figuras case diabólicas que arrastraban o home ao pecado. Para os doutores da Igrexa o sexo era a peor cousa do mundo. O abade de Cluny Odón afirmaba: “Se os homes visen o que hai debaixo da pel, a visión das mulleres daríalles náuseas”. Á parte da Adúltera, hai dúas esculturas dignas de ver, Eva aleitando a Caín e a Vulva, cuxa imaxe se reproduce no libro. Con todo, esta misoxinia estaba presente en toda a sociedade. Até hai 35 anos, as mulleres estaban equiparadas aos tolos e aos nenos e o propio Concello de Santiago publicou varios editos prohibindo que as mulleres vivisen soas.

Dous libros considera vostede fundamentais para entender o pasado de Santiago: a Historia Compostelana e o Códice Calixtino. Seguen a ter interese ?

A Historia Compostelana mandoulla facer Xelmírez a varios clérigos e é pura propaganda do seu mandato. Pero é moi divertida porque está repleta de aventuras e é útil para o investigador porque conta polo miúdo até o prezo da comida no mercado. O Calixtino ten moitas virtudes. É a primeira guía turística da cidade, conta moitos mitos e describe tan ben a catedral que incluso se pensou que partes alí descritas, que nunca existiron, desapareceran incomprensibelmente.

No libro cóntanse moitas lendas e historias, en troques a catedral e o Camiño de Santiago teñen hoxe un aire un tanto tópico.

Pois no 2010 teremos outra ración de libros sobre o tema!! E a maioría non valerá para nada, refritos de refritos cheos de tópicos. O problema é que máis dun pensa que o Camiño de Santiago o inventou Manuel Fraga. Xa no século XIII a lembranza de máis éxito  entre os peregrinos era a vieira. E había tantos que o cabido fixou en 100 o número de tendas que podían vender as cunchas (naturais, de prata, de ouro…), das que 27 eran da súa propiedade. Santiago ten dez séculos de experiencia no turismo e xa vivimos todo, o bo (o esforzo dos conventos por darlles aloxamento aos peregrinos) e o malo (os asaltos na ruta ou a picaresca de comerciantes e veciños).

Tamén conta no libro que algúns ritos son invencións ben modernas.

O máis flagrante, o do Santo dos Croques. A figuriña que hoxe a maioría considera representación do Mestre Mateo era chamada Compostela até que Neira de Mosquera escribiu un libro que eu considero dos máis nefastos da historia. Entre outras barbaridades, inventou o costume de ir petar na testa desa estatua. De aí vén o Santo dos Croques, da mente dun escritor do século XIX, convertido hoxe na obsesión dos turistas, que xa non só se contentan con colocaren os cinco dedos no aliviadeiro do pórtico senón que buscan canto oco hai para meteren os pés, a cara. Ás veces, esa ansia por ritualizar a visita a Santiago é graciosa. Contoume unha monxa, que axuda no coidado da catedral, que certo día pasou pola nave central co balde dun deshumidificador, que levaba para vazar. Pois ben, de socato, a xente empezou a arremuiñarse para meter a man e persignarse con aquela agua, pensando que era bendita!

Que libro recomendaría para quen lle guste o Camiño?

Levo anos pregando para que se reedite El Camino de Santiago, de Walter Starkie, publicado por Aguilar no 1958. É unha viaxe ao pasado máis recente moi vívida e moi ben documentada.

Pedras de Compostela será presentado o día 4 de novembro ás 20:00 horas na Libraría Couceiro de Santiago, nun acto no que acompañarán a Mercedes Pintos, Ramón Villares, José María Díaz e Manuel Bragado.

Comentarios pechados