Menu Xerais

Xa á venda os primeiros e-books de Xerais

Os primeiros dous títulos en formato e-book de Xerais xa están á venda. Sete palabras de Suso de Toro e Dime algo sucio de Diego Ameixeiras, dúas das novidades da colección Narrativa que chegan esta semana ás librarías, poden ser descargados neste formato dixital dende o espazo de Xerais en Todoebook. Os títulos preséntanse, polo momento, en formato PDF-Adobe DRM, aínda que nos vindeiros días estarán dispoñibles tamén en E-PUB. A edición e-book de Sete palabras ten un prezo de 13,30 € (5,70 € inferior á edición impresa), mentres que a edición dixital de Dime algo sucio véndese a 11,00 € (4,80 € inferior á impresa). Os e-books de Xerais poden ser adquiridos tamén dende as librarías electrónicas coas que mantén acordo Todoebook (agregador propiedade de Publidisa), como El Corte Inglés, La Casa del libro ou Librería Ghandi, entre outras.

Este lanzamento de dúas novidades literarias en formatos impreso e electrónico simultaneamente constitúe un feito inédito na historia da edición galega e, aínda, moi pouco frecuente na edición internacional. Nos próximos meses, Xerais ampliará o seu catálogo de e-books con novos títulos das coleccións Narrativa, Poesía e Ensaio, tanto de novidades como de títulos de fondo actualmente descatalogados que se ofrecerán ao lectores e lectoras só en formato electrónico. O libro electrónico literario en galego abre a súa verea da man de Xerais.

Comentarios pechados