Menu Xerais

Xerais, 30 aniversario, entrevista «A Nosa Terra»

César Lorenzo publica no semanario A Nosa Terra unha entrevista con Manuel Bragado, director da editorial, con motivo do trinta aniversario de Xerais. Recollemos algúns fragmentos do texto:

Xerais fai 30 anos con folgos para o futuro?
A nosa intención é facer perdurar a idea principal da creación da editorial, ser un selo xeneralista presente en todas as facetas da edición. Para o futuro queremos potenciar os contidos dixitais, tanto o libro electrónico como os recursos educativos pensados para utilizar nos encerados virtuais. Pero tamén estamos a reforzar a nosa posición noutros ámbitos. En xaneiro presentaremos a colección de ‘Narrativa’ cunha estética renovada e poucos meses despois unha nova colección literaria pensada para o gran público. En novembro sae o Gran Dicionario Xerais, en dous tomos, con 100.000 entradas, transcrición fonética e información etimolóxica. No 2010 publicaremos un dicionario Galego-Inglés.
Nestes 30 anos, que erros de estratexia sentiu máis?
Non fixemos todo o esforzo posíbel na edición educativa en Primaria. Non avanzamos do mesmo xeito que en Educación Infantil e Secundaria. Fomos impacientes co cómic galego. Nós fomos pioneiros na década dos 90, puxemos en marcha a revista Golfiño, da que me sinto moi orgulloso pero despois abandonamos un facho que afortunadamente outros recolleron con éxito, caso d’Os Bolechas ou Patito Editorial. E dóenos non conseguir estabilizar a narrativa de peto, a pesar da súa boa acollida.
E de que éxitos se sente orgulloso?
Convertémonos nunha referencia no ensino en galego. Os nosos dicionarios son referencia na lexicografía. As nosas coleccións de literatura infantil e xuvenil triunfaron. ‘Fóra de xogo’, pensada para os mozos, é a colección con máis exemplares vendidos no noso idioma. Pero sobre todo, fachendeamos da gran relación que mantemos cos autores publicados en Xerais, unha relación que se estende no tempo e que non remata unha vez posto o libro á venda.

Comentarios pechados