Menu Xerais

Xosé Ramón Pena: «Cabanillas, xunto con Manuel Antonio, é o grande renovador da lírica galega do século XX»

Lucía Seoane entrevista a Xosé Ramón Pena en Faro de Vigo con motivo da edición da Poesía galega completa de Ramón Cabanillas.

Na conversa, o co-autor da edición e grande especialista na obra do poeta de Fefiñáns, explica as principais novidades desta edición: «En primeiro lugar, cómpre subliñar que tanto Xosé María Dobarro como eu mesmo, somos debedores agradecidos do grande esforzo que no seu día levaron a cabo Carballo Calero, Fernández del Riego ou Alonso Montero. Canto á nosa aportación, dicir, en primeiro lugar, que apuntamos, para practicamente todos os textos, a primeira aparición dos mesmos en libros ou publicacións periódicas: algo que nos permite establecer unha cronoloxía adecuada e, a partir de aí, unha análise evolutiva da poesía de Cabanillas. Doutra parte, engadimos un certo número de poemas que nunca foran recollidos en forma de libro. Finalmente, matizar que, se ben que respectando sempre a métrica e o galego orixinal do autor, facemos unha edición que aproxime Cabanillas aos lectores actuais.»

Máis adiante, Xosé Ramón Pena salienta o esforzo que realizaron os editores en fixar unha cronoloxía definitiva para os poemarios que Cabanillas publicou modificados en varias edicións: «Trátase de algo que aconteceu sobre todo cos tres primeiros poemarios: No desterro, Vento mareiro e Da Terra asoballada, pero que ten lugar no conxunto da obra. De aí a insistencia en establecermos unha Táboa de Correspondencias, que tamén figura na nosa edición, e en determinar a cronoloxía inicial de cada composición. Polo demais, unha parte esencial da lírica de Cabanillas foi publicada en revistas, xornais…»

Particular interese ten a valoración que Xosé Ramón Pena realiza do labor poético do chamado «poeta da raza»: «Eu creo que Cabanillas, con Manuel-Antonio, é o gran renovador da lírica galega do século XX, anterior á Guerra Civil. Evidentemente, a diferenza de Manuel-Antonio, Cabanillas bebe e recolle a tradición do XIX: Rosalía, Curros e Pondal. Pero, como xa sinalou no seu día o propio Villar Ponte, ten moito de seu. Por así dicilo, estamos diante dun modernismo á galega ou, mellor, diante dun «novecentismo» de noso que Cabanillas foi elaborando ao longo da súa produción. Hai algún crítico que fala dunha suposta ausencia de “poética propia” por parte de Cabanillas e, na miña estima, nada máis lonxe da realidade. O que fai grande a Cabanillas é que cando lemos versos seus, sabemos sempre que son del; existe un «estilo Cabanillas», unha forma de dicir, unha adxectivación, unha fraseoloxía inconfundibles.»

Xosé Ramón Pena remata a interesante entrevista abordando as relacións de Cabanillas co Galeguismo: «Cabanillas foi sempre cristián e cristián católico, diso non hai a menor dúbida. Agora ben, o seu cristianismo era un cristianismo cunha forte raíz social. Tal e como Basilio Álvarez e o agrarismo que este dirixía, e como unha parte tamén das Irmandades, o pensamento de Cabanillas está próximo ás preocupacións sociais de papas como León XIII ou Bieito XV, a través de encíclicas como Rerum novarum. É dicir; o seu modelo social é o dunha democracia labrega e cristiá. O que acontece é que semellante cristianismo social foi absolutamente minoritario nunha España dominada polo nacional-catolicismo integrista cuxa peor versión é o acontecido na Guerra Civil e no franquismo. Coas tensións da II República, o modelo que defendía Cabanillas quedou afogado entre ese nacional-catolicismo, dunha banda, e o ascenso, doutra, do laicismo republicado e mais do marxismo. De feito, foi o drama que Cabanillas, e outras xentes destacadas, tiveron que vivir. En termos actuais, diríamos que o seu pensamento era de centro-dereita, pero dun centro-dereita claramente afastado do fascismo e mais da ditadura franquista.»

Comentarios pechados