Menu Xerais

Xurxo Lobato: «A vaca é unha grande descoñecida»

O suplemento «Lecer« de Galicia hoxe e El Correo Gallego publicou o pasado domingo unha reportaxe-entrevista con Xurxo Lobato con motivo da publicación de No país das vacas. O texto, asinado por Vanesa Oliveira, debulla os contidos do volume no que Lobato comezou a traballar hai tres anos.

«A pesar das aparencias, a vaca é a gran descoñecida en Galicia. Eu vía que en Holanda tiña un papel importante no eido económico, o cal se reflectía nunha presenza visual icónica. Pero no noso país, co importante que é para o agro galego, non se coñece demasiado ben.», expresa o autor ao comezo da entrevista.

Acompañan a unha selección de fotos tres estudos: o do historiador Lourenzo Fernández Prieto sobre a historia da vaca en Galicia, unha análise económica do peso do sector vacún no país do xornalista Julián Rodríguez e unha visión ‘en primeira persoa’ do “home que fala coas vacas”, Xosé Turnes Paredes, director de Progando. Pero ademais, Lobato inclúe unha escolma de textos breves sobre a significación deste animal, para 35 persoeiros galegos como Ramón Villares, Jose Luis Méndez, Rosalía Mera, Antón Losada, Suso de Toro, Antón Patiño, Miguel Anxo Seixas, Felipe-Senén, Xosé Luis Méndez Ferrín, Fátima Otero ou Miguel Conde.

Para o fotógrafo coruñés, a vaca é«unha icona da identidade de Galicia, representa o medio de vida que foi e segue sendo parte do noso país. Para calquera que se criara no rural, é algo máis que un animal. Tiñan nome e agora, ségueno tendo pero tamén teñen número…»

Velaí algunhas outras manifestacións recollidas nun texto moi interesante que recomendamos moi vivamente:

«Non quixen facer un catálogo de fotos bonitas e estampas bucólicas. O meu obxectivo é que despois de ler e de mirar este libro coñezamos un pouco mellor o país das vacas, saibamos da súa importancia na sociedade galega, convertamos a vaca nunha das nosas iconas de identidade e a defendamos para, así, poder sentirnos orgullosos de ser o país das vacas, e dos bois.»

O libro achégase á simboloxía da vaca pero tamén á súa explotación industrial, que na actualidade vive momentos duros debido aos baixos prezos do leite. «Este libro naceu antes de que comezase a conflitividade e quere lanzar unha mensaxe en positivo sobre o importante que é o sector gandeiro para Galicia», apunta o fotógrafo.

«Unha das vacas galegas que levou o premio á mellor vaca no concurso nacional chamábase Rosalía James…», comenta Lobato que lles dedica un capítulo ás diferentes razas que se crían en Galicia como a rubia, a frisoa, a caldelá, a frieiresa, a cachena, a vianesa ou a limiá.

O gandeiro e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas lembra no libro que «o primeiro documento latino conservado onde aparece a palabra ‘vaca’ está no mosteiro de Carboeiro, datado no ano 788.»

Do monte, a vaca baixou ás cortes, onde convivía na casa familiar, dándolle calor, leite e compañía. En poucas décadas, foron trasladadas a modernas e asépticas granxas, centradas na produción de leite a escala industrial. Malia todo, como indica no libro Xosé Turnes, xerente da fábrica de pensos Progando, «a percepción pública do rural segue sen cambiar. Os medios de comunicación dan unha imaxe habitualmente pouco satisfactoria do agro galego. O sector lácteo case sempre é noticia por eventos negativos. A propia vaca é protagonista con frecuencia de malas noticias: dende a crise das vacas tolas ata a doenza da lingua azul. Mesmo hai quen as sinala como culpables de quentamento global», advirte.


Comentarios pechados