Menu Xerais

Arquivo mensual: Febreiro 2010

Cid Cabido fala no «Diario Cultural» da Radio Galega

Cid Cabido mantivo unha conversa cos responsables do «Diario Cultural» da Radio Galega (pode escoitarse aquí) a raíz da publicación d’ Unha historia que non vou contar.

«Bilbao-New York-Bilbao» de Kirmen Uribe, Premio Nacional de Narrativa 2009

A comezos de marzo chegará ás librarías a edición galega de Bilbao-New York-Bilbao, a novela coa que Kirmen Uribe obtivo o Premio Nacional de Narrativa 2009. A tradución foi realizada directamente do éuscaro por Isaac Xubín. Bilbao-New York-Bilbao relata un voo entre o aeroporto de Bilbao e o JKF de Nova York.

«A viaxe do ser» de Manuel Pérez de Lis

Esta semana chega ás librarías A viaxe do Ser, a novela coa que debuta Manuel Pérez de Lis.Unha viaxe á profundidade da antureza, na serra dos Ancares. O viaxeiro, provisto apenas dunha mochila liviá, un gorro e un vello piolet, realizará a subida polo leito do Ser, un río de sesenta quilómetros de lonxitude que nace na serra dos Ancares.

«A paixón de Alexandra» de Xulio Ricardo Trigo

Chega ás librarías esta semana A paixón de Alexandra, a primeira novela no catálogo de Xerais de Xulio Ricardo Trigo, escritor catalán nacido en Betanzos. A versión galega foi preparada por Eva Lozano Carpente, tradutora galega que vive tamén en Cataluña.

Trafegando ronseis recomenda «Dime algo sucio»

Gustoume esta última novela de Diego Ameixeiras, Dime algo sucio, novela coral con estrutura circular na que imos desfiañando anacos de vidas que nada teñen que ver entre si e que acabarán mesturándose por esas razóns que o destino ás veces nos ofrece, cunha lixeira (moi lixeira, a verdade) nota de esperanza ao final a pesar da violencia dalgunhas das súas páxinas.

«O Cabo do Mundo» de Xabier Qurioga, crítica de Xosé Manuel Eyré

No número de 11 a 17 de febreiro, 1393, de ANT, debería saír publicada a crítica que de O Cabo do Mundo enviei. No seu lugar vén un texto rillado deses famosos ratos que ameazan, mesmo na era dixital, os medios impresos. Tan rillado que nel malamente dou recoñecido o por min escrito.

«Uxío Novoneyra. Revisitado» de Xosé Lois García

Acaban de chegar do prelo os primeiros exemplares de Uxío Novoneyra. Revisitado de Xosé Lois García. O libro recolle trinta traballos arredor da vida e da obra de Novoneyra preparados por un dos seus mellores amigos e responsable do espazo web dedicado ao poeta de Parada do Courel. Uxío Novoneyra.

Francia olla para Rivas e Suso de Toro

Iago Martínez anuncia na edición de hoxe de Xornal de Galicia que «Suso de Toro e Manuel Rivas serán protagonistas os vindeiros días 11 e 12 de marzo na Universidade de París-Sorbonne IV».

«Contos por palabras» e «Cando petan na porta pola noite» no canon da LIX do século XX

Segundo informa a revista CLIJ no seu primeiro número de 2010, un total de 19 especialistas seleccionaron os «10 títulos imprescindibles da LIJ española do século XX». Entre eles elixiron dous títulos publicados por Xerais na colección Merlín: Contos por palabras de Agustín Fernández Paz e Cando petan na porta pola noite de Xabier DoCampo. Traducimos a reseña de cada un deles realizada por Victoria Fernández.

Agustín Fernández Paz será homenaxeado no Salón do Libro de Pontevedra

O vindeiro 13 de marzo, o Salón do Libro de Pontevedra renderá homenaxe a Agustín Fernández Paz. Durante todo o Salón está instalada unha exposición que percorre a traxectoria autoral de Agustín durante dúas décadas e recrea o ambiente dalgunha das súa sobras máis significativas. No acto de homenaxe intervirán o escritor Xabier P.DoCampo e os músicos Mini e Mero.

«Feministas galegas» de Mónica Bar Cendón

Antes de finais de mes chegará ás librarías Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha de Mónica Bar Cendón. Importante volume que recupera a memoria do movemento feminista galego dende a transición política ata a actualidade. Presentarase coincidindo coa xornada do vindeiro 8 de marzo. Feministas galegas.

«Linda á espreita»

O nos primeiro libro infantil do ano é Linda á espreita, un divertidísmo álbum de Alexander Steffensmeier e traducido para o galego por Mónica Góñez. Protagonizado por unha vaca e un carteiro é un grande éxito en Alemaña. Chegará ás librarías a vindeira semana. Linda é unha vaca diferente ás demais. Cada mañá, mentres a muxían, a vaca Linda fitaba nerviosa e impaciente cara ao exterior da granxa.