Menu Xerais

«A dama da luz», crítica de Paula Fernández

A beleza que presaxian as tapas d’A dama da luz faise patente no momento que comezamos a súa lectura e pasamos a visualizar a fermosura das súas detallistas ilustracións e a deleitármonos coa súa prosa; ambas as dúas compoñentes imprescindibles deste álbum ideado e ilustrado por Jorge Magutis e escrito por Agustín Fernández Paz que parte dunha rapaza, Marta, ao tempo protagonista e narrataria, e o seu avó, tamén protagonista e narrador dunha historia onde se mestura o real co marabilloso nunha loitaentre estacións ambientada nun Vigo antigo, unha vila mariñeira hoxe desaparecida, que tingue de melancolía o relato.

A sempiterna pelexa entre a Primavera e o Inverno,a dicotómica e desigual loita tantas veces feita literatura, que representa as arelas do frío, forte e cruel, que quere dominar a calor escurecendo a paisaxe e cubríndoa de neve; apresenza dun ser fantástico, a dama da luz, feble e fráxil coma a Primavera que precisa atopar de volta o seu lugar e a súa función; un personaxe xa vello, un avó entrañable que garda historias e sabedoría,que ten saudade do pasado e que pasa á súa neta, símbolo dofuturo, a responsabilidade de resolver o conflito da conservación da Natureza.Todo o devandito, á beira do proceso madurativo da meniña,son algúns dos trazos máis salientables desta historia. Un conto onde a narración e o seu clásico desenvolvemento tripartito nos conducen a un desenlace simbólico que evoca esperanza para o futuro e,malia o fantástico da aparición da flor no asfalto, proporciona tamén verosimilitude, pois leva ao mundo real o resultado da pelexa, ademais de evidenciar unha vitoria.

Represéntanse xa que logo dous mundos, o noso, o da realidade, e un marabilloso. Contrarios mais perfectamente conxugados e recoñecibles, sen empregar para isto descricións excesivas pois é o dominio da arte da evocación do autor do texto a que nos pasea por un e por outro sen apenas percibir a transición.

Unha historia redonda, simbólica, de suxerente escrita e lectura amena que se engrandece coas ilustracións de Magutis que, dende a súa calidez tonal, a súa delicadeza á hora de reflectir o texto e a súa destreza cando mestura real e irreal, fan posible este álbum e que non entendamos o literario separado do plástico e ao revés. Paula Fernández

Texto da crítica de Paula Fernández publicada en «Faro da Cultura» de Faro de Vigo, xoves, 28 de xaneiro de 2010-

Comentarios pechados